Centro Coreográfico Galego
O Centro Coreográfico Galego é a unidade da Xunta de Galicia para promover a creación, produción, formación e investigación no ámbito da danza en Galicia. O seu obxectivo é actuar como núcleo de diálogo e de interacción cultural, así como propiciar un espazo no que as principais linguaxes artísticas teñan cabida para enriquecer e impulsar as artes do movemento e o encontro entre artistas e público, achegando a arte á cidadanía dun xeito normalizado.
Obxectivos
Para profesionais da danza e as artes do movemento
- Apoiar a creación artística, a investigación e a formación de profesionais destes ámbitos
- Descentralizar accións e tender pontes entre proxectos e institucións
- Contribuír ao encontro da danza con outras disciplinas artísticas
- Desenvolver accións para o impulso da profesionalización do sector
- Apoiar o talento emerxente
Para públicos
- Desenvolver accións de sensibilización da cidadanía cara a este sector
- Colocar a danza no centro da vida cultural galega
- Propiciar accións que contribúan a fomentar os públicos na danza e artes do movemento
Equipo
- Directora: Pilar Portela
- Profesoras de danza: Belén Vázquez e Pilar Peña
- Auxiliar de son: Hugo Peñamaría
- Xastra: Cristina Cordido
- Músicos: Carlos Rilo, Carlos Taboada, José Ramón Bugliot e Daniel Romero
- Pianista: Roberto Beceiro
Contacto
Complexo Deportivo de Elviña. Praza de Agustín Díaz Sánchez, s/n 15008 - A Coruña
Teléfono: 881 960 543 / 881 960 547
Correo electrónico: documentacion.ccg [at] xunta.gal / formacion.ccg [at] xunta.gal
Apoio á creación
Ademais da modalidade específica para danza dentro das subvencións á creación escénica, que convoca anualmente a Axencia Galega das Industrias Culturais, as compañías do sector contan para a creación e produción dos seus espectáculos con outros dos programas de apoio do Centro Coreográfico Galego:
Coproducións
O Centro Coreográfico Galego desenvolve desde 2015 un programa de coproducións con compañías galegas co obxectivo de favorecer a creación de espectáculos, traballar no fomento de novos públicos e consolidar a produción de calidade no ámbito da danza e as artes do movemento.
Esta vía de apoio materialízase a través dunha convocatoria para a contratación de espectáculos en réxime de coprodución, que en 2023 engadiu unha modalidade específica para proxectos emerxentes, ademais de sumar unha liña específica para montaxes de gran formato.
- 2024/2025
-
Programa de coproducións
- Procedemento de selección
- Seleccionadas:
- SóLODOS. Mover cenizas
- Kirenia Danza. Cicatriz (título provisional)
- Daniel Rodríguez Cía. Traseúnte
- 2023/2024
-
Programa de coproducións
- Bases
- Seleccionadas:
- La Macana. Sleepwalkers
- Ay, Cariño! Millo vello
- Elvi Balboa. Anöa
Convocatoria para gran formato
- Bases
- Seleccionada:
- Nova Galega de Danza. Dique
- 2022/2023
-
- Janet Novás. Proto
- Kirenia Danza. Afectos
- Paula Quintas Cía. O salón dos pasos perdidos
- 2021/2022
-
- Cía Elahood. Nó
- Colectivo Glovo. Tabú
- Nova Galega de Danza. Credo
- 2020/2021
-
- Kirenia Danza. Tres Tristes
- Javier Martín. Umbral
- Vacaburra. Festina Lente
- 2019/2020
-
- Exire. Médula
- Kirenia Danza. E-migrantas
- Marta Alonso Cía. Bailar Agora
Residencias
Unha das finalidades do Centro Coreográfico Galego é o apoio a artistas ou colectivos que desexen desenvolver un proxecto de investigación ou de creación no ámbito da danza e as artes do movemento. Esta liña de promoción desenvólvese a través dunha nova convocatoria anual de residencias e da colaboración con outros programas externos de impulso á creación.
Convocatoria anual
O Centro Coreográfico Galego pon en marcha en 2024 unha nova convocatoria de residencias artísticas co obxectivo de ofrecer recursos infraestruturais, técnicos e humanos para desenvolver unha actividade de investigación ou de creación artística, ao tempo que se favorece a divulgación e a visibilización dos procesos de creación entre o público e a comunidade. As bases cos requisitos e prazos de solicitude do programa publicaranse proximamente nesta web.
Os proxectos apoiados disporán de:
- Espazo onde desenvolver a residencia
- Apoio técnico (cos medios dos que dispoña o espazo de traballo).
- Acompañamento artístico
- Presentación das propostas ao público
Colaboracións
Ademais das residencias que promove directamente, o Centro Coreográfico Galego tamén colabora con outras iniciativas galegas neste mesmo ámbito. Deste xeito, contribúese á descentralización das actividades culturais e a dotar dunha maior visibilidade a danza e as artes do movemento. Entre os programas que reciben apoio a través desta vía, atópanse:
- A Casa Vella. Espazo de dinamización artística no rural que oferta residencias artísticas e de investigación e actividades formativas e de mediación.
- Residencias Paraíso. Programa promovido polo Colectivo RPM en nove espazos repartidos por todo o territorio de Galicia e no que poden participar creadores de España e Portugal.
- Atopémonos bailando. Iniciativa de residencias artísticas e de investigación, organizado pola compañía de danza Colectivo Glovo e o Concello de Lugo no Museo MIHL da capital lucense. Está dirixido a proxectos de Galicia, do resto de España, Portugal e Costa Rica.
Formación
Para profesionais
No Centro Coreográfico Galego
Un dos obxectivos do Centro Coreográfico Galego é desenvolver actividades que contribúan á mellora na preparación e cualificación artística e técnica dos profesionais da danza e as artes do movemento. Neste sentido, organízanse anualmente plans formativos acordes coas necesidades profesionais do sector, tanto no que respecta á formación específica dos bailaríns e das bailarinas como á formación continua doutro tipo de profesionais do sector. Os diferentes encontros céntranse tanto na especialización nas diferentes linguaxes de danza e artes do movemento como en materias máis transversais, vinculadas á xestión cultural.
Noutros espazos
Unha das medidas do Plan Integral para a Danza de Galicia recolle a descentralización da actividade formativa.
-
Curso ‘Deseño de programacións de artes escénicas’
O encontro Deseño de programacións de artes escénicas en Galicia organízase en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) co obxectivo de cubrir un baleiro formativo no sector e mellorar a oferta de artes escénicas en Galicia. Esta actividade, que xorde como continuidade da xornada ‘Diálogos da Danza: unha ponte entre a creación e a programación’, conta cun amplo contido en danza e artes do movemento.
Trátase dunha formación gratuíta con certificado de aproveitamento, para a que se esgotaron as 60 prazas ofertadas a profesionais responsables de seleccionar, contratar e exhibir espectáculos de artes escénicas, tanto no ámbito público como no privado. O itinerario formativo ten un formato mixto distribuído en tres sesións en liña e catro presenciais que se desenvolven na Cidade da Cultura, conta cun equipo de 23 docentes de referencia neste ámbito e desenvollve unha ampla proposta de contidos dirixidos a dotar ao sector de recursos que lles permitan asumir con solvencia o deseño de programacións de calidade, incentivar novos modelos que dean cabida á riqueza e diversidade actual de propostas, propiciar unha relación enriquecedora entre todos os axentes deste ámbito e fomentar a conexión entre artes escénicas e públicos.
Para alumnado
O Centro Coreográfico promove accións dirixidas ao alumnado dos últimos cursos do Grao Profesional de Danza. Trátase de formacións de carácter especializado vinculadas ás coproducións ou ás residencias que se desenvolven a través de dúas vías:
- Posibilidade de tomar clase con algunha das compañías ou profesionais seleccionadas nas convocatorias de coproducións ou residencias.
- A asistencia aos ensaios das compañías ou profesionais para coñecer en profundidade os procesos creativos.
Profesionalización
O Centro Coreográfico Galego ten a misión de impulsar a creación e o desenvolvemento de empresas e profesionais no ámbito da danza e as artes do movemento, favorecer a distribución e comercialización das súas creacións, estimular o traballo en rede e as colaboracións e, en definitiva, potenciar a eficiencia e sustentabilidade nun mercado moi competitivo, a través de diversas accións internas ou en colaboración con outras entidades e eventos do sector.
Foro 'Diálogos de danza: unha ponte entre a creación e a exhibición'
Analizar e poñer en común a situación profesional do sector danza e da exhibición de espectáculos en Galicia foi o obxectivo da xornada Diálogos de danza, promovida xunto á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) en marzo de 2023.
Colaboracións
- Da Man. Promovido por Amarelo Distribución, trátase dun proxecto innovador que pretende xerar un impacto no sector a través do estímulo e o impulso artístico mediante o acompañamento á creación emerxente en todas as fases necesarias para poñer en marcha un proxecto vinculado á danza.
Mediación e fomento de públicos
As convocatorias anuais de coproducións do Centro Coreográfico Galego requiren a realización de actividades de mediación que impulsen e consoliden públicos na danza e artes do movemento. Os proxectos de colaboración relativos a residencias artísticas ou de investigación levan parellas as actividades de mediación, habitualmente consistentes en ensaios abertos, coloquios ou mostras abertas.
Colaboracións
- TRC Danza. A programación anual de danza do Teatro Rosalía Castro da Coruña articúlase en dous bloques temporais de primavera e outono, incluíndo pezas programadas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia, así como propostas creadas a través das subvencións á creación escénica ou en coprodución co Centro Coreográfico Galego. Conta tamén cun patrocinio específico para todas as actividades de mediación.
- Danza no Camiño. Extensión en Galicia de Danza en el Camino, programa promovido polo Certamen Internacional de Burgos & Nueva York que nace cos obxectivos de descentralizar as actividades culturais, dinamizar o rural, impulsar pezas de danza e artes do movemento en espazos non convencionais e fomentar novos públicos converténdoos en espectadores activos.
Promoción exterior
A través desta liña de actuación, búscase impulsar e visibilizar o sector e o talento da creación de Galicia en eventos estratéxicos. Atópanse entre eles:
- Festival Dansa València
- Madferia
- Feria Internacional de Teatro y Danza de Huesca
- Tanzmesse
- Fira Mediterrània de Manresa
- Mercartes
Servizos
O Centro Coreográfico Galego pon a disposición do sector tanto as súas salas de ensaio como un servizo de préstamo de distintos materiais, que se poden solicitar descargando os seguintes formularios:
- Cesión de aulas para ensaios
- Prestámo de documentación
- Préstamo de material
- Préstamo de vestiario do Centro Coreográfico Galego
- Préstamo de vestiario do Ballet Galego Rey de Viana
Publicacións
- Plan Integral para a Danza de Galicia
- Danza Galicia. Catálogo dixital de danza e artes do movemento - 2024
* Fotografía de cabeceira: espectáculo Afectos, coproducido por Kirenia Danza co Centro Coreográfico Galego. Escenas do cambio 2023 | Autor: Manuel G. Vicente.