A Axencia

A Axencia Galega das Industrias Culturais iniciou a súa traxectoria en 2008 como axencia pública autonómica adscrita á consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de cultura. De acordo coa súa Lei de creación (4/2008, do 23 de maio) e co seu Estatuto (Decreto 150/2012, do 12 de xullo, modificado polo Decreto 53/2021, do 18 de marzo) ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables.

As súas competencias esténdense á totalidade das actividades culturais desenvolvidas por creadoras e creadores individuais e por empresas, na procura dunhas industrias culturais dinámicas, competitivas e innovadoras. Neste sentido, leva a cabo diferentes liñas de traballo encamiñadas a dotar de maior estabilidade o sector, optimizar a xestión empresarial nos procesos de produción e distribución, dinamizar o mercado interior e promover a proxección exterior da cultura galega.

Destacan entre estes eixos de actuación, as convocatorias anuais de subvencións ás industrias culturais, a xestión de circuítos estables de exhibición de espectáculos e as iniciativas de difusión da cultura galega fóra das nosas fronteiras, sen esquecer o labor de produción, programación e formación continua que leva a cabo a través do Centro Dramático Galego, Centro Coreográfico Galego e Filmoteca de Galicia.

Fins

Tanto a Lei de creación (art. 4) como o Estatuto (art. 8) establecen como fins da Axencia:

  • Garantir o progreso da cultura galega e, sobre todo, a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural de Galicia, o desenvolvemento social, o crecemento económico e o diálogo intercultural en condicións de igualdade e respecto con identidades diferentes nun contexto globalizado.
  • Impulsar a participación, consolidación e cooperación de empresas e profesionais na produción, creación, conservación, difusión e comercialización do patrimonio cultural galego, nun mercado dinámico, sustentable e plural que fomente a participación cidadá e remova os obstáculos xeográficos, físicos, educativos, sociais ou económicos que poidan dificultar o acceso á cultura, especialmente dos colectivos menos favorecidos.
  • Fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega co fin de promover a orientación ao mercado das empresas, mellorar a viabilidade dos seus proxectos, achegar recursos propios e aumentar o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.
  • Potenciar os programas de investigación e desenvolvemento cultural, mellorando a calidade e diferenciación dos produtos, a axilidade no servizo prestado e a creación de valor engadido na economía dixital.
  • Estreitar a coordinación entre as administracións públicas con competencias na materia e os axentes privados, de acordo cos principios de subsidiariedade e complementariedade, para aproveitar as sinerxías, incrementar a posibilidade de financiamento e acadar unha maior calidade e eficiencia na acción cultural.
  • Favorecer a creación e produción artística e cultural, así como a súa difusión, adoptando medidas de acción positiva destinadas a combater a discriminación directa, indirecta ou estrutural de xénero.

Funcións

En consonancia cos seus obxectivos e fins, a Axencia Galega das Industrias Culturais ten atribuídas as seguintes funcións:

  • Impulsar a creación e o desenvolvemento de empresas que produzan bens e servizos culturais, prestándolles especial atención ás industrias culturais que xeren mecanismos de produción eficientes e que subministren no mercado bens culturais de amplo consumo.
  • Favorecer os produtos que difundan a lingua, a cultura e as tradicións propias de Galicia como elemento singularizador no mercado e os que lle acheguen á cultura galega innovacións creativas e ofertas de calidade de novas estéticas e linguaxes artísticas.
  • Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais. Para isto, poderanse establecer marcas de referencia e campañas publicitarias que reforcen o posicionamento de Galicia e dos produtos culturais galegos no mercado interior e exterior.
  • Contribuír á mellora na preparación e cualificación artística, técnica e empresarial dos recursos humanos, impulsando plans formativos acordes coas necesidades profesionais das empresas do sector, en especial, na formación de persoal cualificado para a súa administración e xestión e no deseño, acceso e emprego das novas tecnoloxías.
  • Estimular a creación, avivar o talento e a capacitación e incitar ao recoñecemento social e económico de artistas e autoras/es, en canto subministradores de recursos inmateriais no proceso de produción. Tamén apoia a colaboración entre empresas e creadoras/es como instrumento necesario para o impulso e asentamento do sector cultural.
  • Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial, o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura nos núcleos pequenos, e o estímulo da mellora e modernización tecnolóxica.
  • Impulsar, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a presenza das empresas culturais nos mercados financeiros en condicións vantaxosas, con programas de préstamos públicos ou actuando como intermediaria entre a produción cultural e as entidades financeiras privadas, en especial, para poder afrontar grandes proxectos desde a iniciativa privada.
  • Impulsar a cooperación e o asociacionismo entre persoal e empresas dos distintos sectores culturais, así como as medidas do sector profesional galego para aumentar a súa presenza e competitividade nos mercados culturais, en especial, no apoio ás exportacións de bens e servizos culturais galegos.
  • Adoptar programas que potencien as sinerxías entre o desenvolvemento empresarial das actividades culturais e outros fins públicos como a protección do patrimonio natural, material e inmaterial, a contribución ao desenvolvemento territorial e o fomento da educación, do emprego, da integración social, do turismo e da investigación.
  • Facer estudos e plans estratéxicos sobre o sector cultural, así como difundir a información sobre os recursos destinados ás empresas culturais en calquera ámbito.
  • Calquera outra iniciativa e acción dirixida á consecución dos seus fins.

Estrutura

Órganos de goberno

Presidencia

O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais é José López Campos, actual conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude.

Consello Reitor

Como órgano de goberno da Axencia correspóndenlle, entre outras atribucións, a aprobación do anteproxecto de orzamentos anuais e a contracción de obrigas de carácter plurianual, das contas anuais e da proposta do contrato de xestión, obxectivos e plans de acción anuais e pluarianuais, así como o seguimento da súa execución e da xestión da Dirección.

O Consello Reitor está presidido polo titular da Presidencia da Axencia Galega das Industrias Culturais e del forman parte, como vogais, a persoa á fronte da Dirección da entidade, dous representantes da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de Cultura, outro da de Industria e un cuarto da de Facenda.

Dirección

A Dirección é o órgano executivo da Axencia e, como tal, encárgase da súa xestión ordinaria. O director é Jacobo Sutil Nesta.

Estrutura administrativa

Departamento de Coordinación Xeral e Xerencia

Departamento de Xestión

Departamentos técnicos

Normativa

Lei de creación

Estatuto

Directorio

Páxina de contacto.

Share