Circuítos de espectáculos


Circuítos de espectáculos

A Axencia Galega das Industrias Culturais promove directamente varios dos circuítos de exhibición escénica e musical que a Xunta vén desenvolvendo en colaboración con entidades públicas e privadas de toda Galicia co fin de contribuír á estabilidade na programación de espectáculos e concertos producidos de xeito profesional na nosa Comunidade. Ao tempo, achégaselle ao público unha oferta cultural ampla, plural e aberta tanto no que se refire aos seus contidos como á súa descentralización xeográfica.

Para a súa organización, ponse a disposición de todos os profesionais implicados (programadores culturais, artistas, compañías e grupos) a plataforma GALESCENA.GAL como principal ferramenta para a xestión da súa actividade no marco destes circuítos: inscrición de compañía e bandas, proceso de contratación, recollida de datos de asistencia... A través deste enderezo web infórmase, así mesmo, dos diferentes prazos para a inscrición de espectáculos e para a configuración da programación, ademais de ofrecerse toda a documentación relativa ao funcionamento interno das nosas redes.

Entre estes circuítos atópanse:

Rede Galega de Teatros e Auditorios

Constituída en 1996, a Rede Galega de Teatros e Auditorios consolidouse neste anos como o principal circuíto para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional, á que dota de estabilidade na súa programación habitual. A Xunta de Galicia cofinancia esta rede cos concellos e entidades xestoras dos espazos asociados. O seu calendario de funcións estrutúrase en períodos semestrais de programación, nos que teñen cabida todas as artes escénicas e musicais, con especial protagonismo do teatro e das compañías galegas.

Rede Galega de Salas

En actividade desde 2007, na actualidade a Rede Galega de Salas está conformada polos espazos que cada ano resultan adxudicatarios da convocatoria de subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada. A súa programación continúa diferenciándose pola multidisplinariedade das novas tendencias escénicas, así como pola exhibición de espectáculos especificamente dirixidos ao público infantil e familiar.

Rede Galega de Música ao Vivo

A Rede Galega de Música oa Vivo iniciou a súa traxectoria en 2007 co obxectivo de atender de xeito específico as necesidades de difusión dos directos de grupos e intérpretes musicais galegos. Desde entón, o circuíto continúa reforzando os seus estándares de profesionalidade e especialización, tanto polo tipo de programación que acolle como polas características das súas salas, todas elas de titularidade privada e capacidade reducida.

Cultura no Camiño

O ciclo Cultura no Camiño botou a andar en 2013 para contribuír á dinamización cultural das localidades polas que discorren as diferentes rutas xacobeas en Galicia durante os meses de maior afluencia de peregrinos e visitantes. O seu obxectivo é dobre: dunha banda, a descentralización da oferta escénica e musical e doutra, favorecer a contratación de espectáculos producidos en Galicia de xeito profesional.


Share