Cultura no Camiño
O ciclo da Xunta de Galicia Cultura no Camiño botou a andar en 2013 para contribuír á dinamización cultural das localidades polas que discorren as diferentes rutas xacobeas en Galicia durante os meses de maior afluencia de peregrinos e visitantes. O seu obxectivo é dobre: dunha banda, a descentralización da oferta escénica e musical e doutra, favorecer a contratación de espectáculos producidos en Galicia de xeito profesional.
En 2026 chega á súa 14ª edición para ofrecer 316 actuacións artísticas en colaboración con 87 concellos das catro provincias entre o 16 de xuño e o 31 de agosto: 101 destas representacións terán lugar en 31 municipios da Coruña, 89 en 24 concellos pontevedreses, 67 noutros 16 de Lugo e 59 en 16 de Ourense. Correrán a cargo de 147 formacións profesionais de artes escénicas e de música, todas elas galegas.
Desta ampla carteleira, 106 das citas corresponden a concertos que ofrecerán artistas como Xurxo Fernandes, Abril, Faltriqueira, De Vacas, incluíndo propostas para público familiar como a de Uxía Lambona e a Banda Molona.
Tamén son 106 funcións de teatro, con compañías como Ghazafelhos, Fantoches Baj, Quico Cadaval, Culturactiva, Teatro O Cubo, Tarabela Creativa ou Xarope Tulú, ás que se suman 4 de danza e artes do movemento con D'elas, Marta Alonso Tejada e Pistacatro. O circo contemporáneo está presente no circuíto con 59 citas a cargo de formacións como a propia Pistacatro, Sempre Arriba, Hípica Celta, A Vela Circo e Paula Quintas Cía, entre outros.
Finalmente, os espectáculos de maxia, que abranguen 41 funcións, correrán a cargo de nomes tan coñecidos en Galicia como o Mago Teto ou o Mago Antón.