Centro Coreográfico Galego

Centro Coreográfico Galego

O Centro Coreográfico Galego é a unidade da Xunta de Galicia para promover a creación, produción, formación e investigación no ámbito da danza en Galicia. O seu obxectivo é actuar como núcleo de diálogo e de interacción cultural, así como propiciar un espazo no que as principais linguaxes artísticas teñan cabida para enriquecer e impulsar as artes do movemento e o encontro entre artistas e público, achegando a arte á cidadanía dun xeito normalizado.

Obxectivos

Para profesionais da danza e as artes do movemento

  • Apoiar a creación artística, a investigación e a formación de profesionais destes ámbitos
  • Descentralizar accións e tender pontes entre proxectos e institucións
  • Contribuír ao encontro da danza con outras disciplinas artísticas
  • Desenvolver accións para o impulso da profesionalización do sector
  • Apoiar o talento emerxente

Para públicos

  • Desenvolver accións de sensibilización da cidadanía cara a este sector
  • Colocar a danza no centro da vida cultural galega
  • Propiciar accións que contribúan a fomentar os públicos na danza e artes do movemento

Equipo

  • DirectoraPilar Portela
  • Profesoras de danzaBelén Vázquez Pilar Peña
  • Auxiliar de sonHugo Peñamaría
  • XastraCristina Cordido
  • Músicos: Juan Carlos RiloCarlos TaboadaJosé Ramón Bugliot e Daniel Romero
  • PianistaRoberto Beceiro

Contacto

Complexo Deportivo de Elviña. Praza de Agustín Díaz Sánchez, s/n 15008 - A Coruña

Teléfono: 881 960 543 / 881 960 547 

Correo electrónico: documentacion.ccg [at] xunta.gal / formacion.ccg [at] xunta.gal

Apoio á creación

Ademais da modalidade específica para danza dentro das subvencións á creación escénica, que convoca anualmente a Axencia Galega das Industrias Culturais, as compañías do sector contan para a creación e produción dos seus espectáculos con outros dos programas de apoio do Centro Coreográfico Galego:

Coproducións

O Centro Coreográfico Galego desenvolve desde 2015 un programa de coproducións con compañías galegas co obxectivo de favorecer a creación de espectáculos, traballar no fomento de novos públicos e consolidar a produción de calidade no ámbito da danza e as artes do movemento.

Esta vía de apoio materialízase a través dunha convocatoria para a contratación de espectáculos en réxime de coprodución, que en 2023 engadiu unha modalidade específica para proxectos emerxentes, ademais de sumar unha liña específica para montaxes de gran formato.

2025/2026

Programa de coproducións

2024/2025

Programa de coproducións

2023/2024

Programa de coproducións

Convocatoria para gran formato

2022/2023
2021/2022
2020/2021
2019/2020

Residencias

Unha das finalidades do Centro Coreográfico Galego é o apoio a artistas ou colectivos que desexen desenvolver un proxecto de investigación ou de creación no ámbito da danza e as artes do movemento. Esta liña de promoción desenvólvese a través da colaboración con outras iniciativas galegas neste mesmo ámbito.

Deste xeito, contribúese á descentralización das actividades culturais e a dotar dunha maior visibilidade a danza e as artes do movemento. Entre os programas que reciben apoio a través desta vía, atópanse:

  • A Casa VellaEspazo de dinamización artística no rural que oferta residencias artísticas e de investigación e actividades formativas e de mediación.
  • Residencias ParaísoPrograma promovido polo Colectivo RPM en máis de dez espazos repartidos por todo o territorio de Galicia e no que poden participar creadores de España e Portugal.
  • Atopémonos bailandoIniciativa de residencias artísticas e de investigación, organizada pola compañía de danza Colectivo Glovo e o Concello de Lugo no Museo MIHL da capital lucense e noutros espazos de España, Portugal e costa Rica e na que participan proxectos destes territorios.

Ademais, o Centro Coreográfico Galego dá apoio a proxectos de investigación ou de creación artística, facilitando:

  • Espazo/s onde ensaiar ou crear.
  • Apoio técnico (cos medios dos que dispoña o espazo de traballo).
  • Acompañamento artístico.
  • Presentación das propostas ao público, favorecendo a súa divulgación e a visibilización dos procesos de creación entre o público e a comunidade.

Formación

Para profesionais

No Centro Coreográfico Galego

Un dos obxectivos do Centro Coreográfico Galego é desenvolver actividades que contribúan á mellora na preparación e cualificación artística e técnica dos profesionais da danza e as artes do movemento. Neste sentido, organízanse anualmente plans formativos acordes coas necesidades profesionais do sector, tanto no que respecta á formación específica dos bailaríns e das bailarinas como á formación continua doutro tipo de profesionais do sector. Os diferentes encontros céntranse tanto na especialización nas diferentes linguaxes de danza e artes do movemento como en materias máis transversais, vinculadas á xestión cultural.

  • Paloma Muñoz. Workshop Imaxinario – Corpo

Coreógrafa e bailarina, creadora da peza multipremiada La Quijá, producida polo Mercat de les Flors, propón construír corpos, explorando como estas ideas poden transformarse en movemento e en pequenas composicións físicas, partindo de imaxes e conceptos.

  • Antonio Ruz. Condutas, a partir da peza Norma

Bailarín e coreógrafo cordobés que tocou infinidade de disciplinas de danza. Hoxe é o director da Normal, Centro coreográfico da súa cidade natal así como da súa propia compañía de danza. A partir da súa peza Norma, representada no Teatro Rosalía de Castro, expón diferentes estados que non son habituais no mundo da danza, nin sequera ‘normais’, co fin de que o normativo non sempre é o adecuado e poñer en dúbida todo o establecido.

Noutros espazos

Unha das medidas do Plan Integral para a Danza de Galicia recolle a descentralización da actividade formativa.

  • Curso ‘Deseño de programacións de artes escénicas’

O encontro Deseño de programacións de artes escénicas en Galicia organizouse en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) co obxectivo de cubrir un baleiro formativo no sector e mellorar a oferta de artes escénicas en Galicia. Esta actividade, que xorde como continuidade da xornada ‘Diálogos da Danza: unha ponte entre a creación e a programación’, contou cun amplo contido en danza e artes do movemento.

  • Curso ‘Body Weather Laboratory’

No Teatro Ensalle en 2024, o coreógrafo xaponés Oguri, figura clave da danza contemporánea xaponesa e un dos grandes renovadores do butoh, impartiu un curso formulado como un foro de investigación coa finalidade de indagar na expresión a través do corpo en diferentes contornas

No ano 2025, o Teatro Ensalle acolleu a Andrés Corchero, quen centrou o curso na práctica detallada da manipulación en Body Weather, explorando, en parella a través da respiración profunda, a aliñación interna e externa e o estiramento da musculatura.

Para alumnado

O Centro Coreográfico promove accións dirixidas ao alumnado dos últimos cursos do Grao Profesional de Danza. Trátase de formacións de carácter especializado vinculadas ás coproducións ou ás residencias que se desenvolven a través de dúas vías:

  • Posibilidade de tomar clase con algunha das compañías ou profesionais seleccionadas nas convocatorias de coproducións ou residencias.
  • A asistencia aos ensaios das compañías ou profesionais para coñecer en profundidade os procesos creativos.

Profesionalización

O Centro Coreográfico Galego ten a misión de impulsar a creación e o desenvolvemento de empresas e profesionais no ámbito da danza e as artes do movemento, favorecer a distribución e comercialización das súas creacións, estimular o traballo en rede e as colaboracións e, en definitiva, potenciar a eficiencia e sustentabilidade nun mercado moi competitivo, a través de diversas accións internas ou en colaboración con outras entidades e eventos do sector.

Foros

  • 'Diálogos de danza: unha ponte entre a creación e a exhibición'

Analizar e poñer en común a situación profesional do sector danza e da exhibición de espectáculos en Galicia foi o obxectivo da xornada Diálogos de danza, promovida xunto á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) en marzo de 2023.

  • Foro ‘Distribución nacional e internacional da danza de Galicia’

Crear un espazo de diálogo, aprendizaxe compartida e reflexión sobre a proxección e circulación da danza de produción galega no contexto estatal e internacional foi o obxectivo desta nova edición do foro coordinado pola Federación Estatal de Compañías e Empresas de Danza, coa participación de Dance from Spain, e celebrado en xullo de 2025.

Colaboracións

  • Da ManPromovido por Amarelo Distribución, trátase dun proxecto innovador que pretende xerar un impacto no sector a través do estímulo e o impulso artístico mediante o acompañamento á creación emerxente en todas as fases necesarias para poñer en marcha un proxecto vinculado á danza.

Programa de emprendemento e formación para artistas da danza e as artes do movemento

No 2025 ponse en marcha o primeiro programa galego de emprendemento e formación en danza e artes do movemento, deseñado e organizado conxuntamente pola Xunta de Galicia, a Fundación Paideia Galiza e a Fundación EOI (Escola de Organización Industrial) co obxectivo de impulsar o talento e a profesionalización neste sector. Esta iniciativa, pioneira no ámbito da promoción e impulso da danza e das artes do movemento, aborda de xeito completo e integral a capacitación, o emprendemento e a detección de talento neste ámbito. O obxectivo é contribuír a consolidar e profesionalizar artistas e proxectos emerxentes a través de dúas vías paralelas e complementarias:

  • Programa de formación especializada, facendo fincapé nas fases de xestión, produción, promoción, distribución, financiamento e mediación, contando con destacados profesionais nacionais e internacionais.
  • Ciclo de conversas Entre formas e palabras, que tivo lugar en cinco localidades galegas entre maio e outubro de 2025 co seguinte programa:
    • As novas linguaxes nas artes do movemento | 13 de maio na sede da Fundación Paideia (A Coruña). Relatorios: Jesús Carmona (danzaor e coreógrafo) e Daniel Rodríguez (bailarín e creador galego) | Showcase: Julia Laport.
    • A arte de narrar o movemento | 26 de xuño na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela). Relatorios: Mercedes L. Caballero (escritora, profesora e xornalista e crítica de danza no xornal El País e na Revista Godot) e Alfonso Becerra (dramaturgo, director de escena, docente, investigador e director de Erregueté) | Showcase: Marta Alonso Tejada
    • Tecendo redes | 2 de agosto no Festival Danza no Claustro (Xunqueira de Espadanedo). Relatorios: Maruxa Salas e Erick Jiménez (coreógrafos e intérpretes de SóLODOS, directores de festivais como SóLODOS en Danza en Ourense e Costa Rica, Danza no Claustro e Danza no Camiño) e Natividad Buil (directora do Festival Trayectos) | Showcase: Clara Ferrao Diz
    • Danza sen fronteiras: un diálogo entre estilos | 18 de setembro no Conservatorio Profesional de Danza (Lugo). Relatorios: Israel Galván (bailaor e coreógrafo flamenco español) e Fran Sieira (bailador) | Showcase: Alumnado do 5º do CDAN Conservatorio de Danza de Lugo
    • Da idea ao escenario: creación | 3 de outubro no Festival 6coreógrafas (A Estrada). Relatorios: Paloma Muñoz (coreógrafa, bailarina e directora da Compañía Siberia) e Rut Balbís (coreógrafa e docente) | Showcase: Ollos cara adentro, Cía iXa (Elena Castellanos e Marc Fernández)
    • A danza no ollar do cine | 24 de outubro na Filmoteca de Galicia (A Coruña). Relatorios: Derek Pedrós (realizador e fotógrafo especializado en danza e arquitectura) e Mikel Aristegui (bailarín, coreógrafo, xestor cultural e director artístico de SIL Producciones-Artes en movimiento) | Showcase: Marghe Morello con Danza en foco, serie de 10 capítulos visuais que retratan o panorama da danza contemporánea galega.

Mediación e fomento de públicos

As convocatorias anuais de coproducións do Centro Coreográfico Galego requiren a realización de actividades de mediación que impulsen e consoliden públicos na danza e artes do movemento. Os proxectos de colaboración relativos a residencias artísticas ou de investigación levan parellas as actividades de mediación, habitualmente consistentes en ensaios abertos, coloquios ou mostras abertas. 

Colaboracións

  • TRC Danza. A programación anual de danza do Teatro Rosalía Castro da Coruña articúlase en dous bloques temporais de primavera e outono, incluíndo pezas programadas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia, así como propostas creadas a través das subvencións á creación escénica ou en coprodución co Centro Coreográfico Galego. Conta tamén cun patrocinio específico para todas as actividades de mediación.
  • Danza no Camiño. Extensión en Galicia de Danza en el Camino, programa promovido polo Certamen Internacional de Burgos & Nueva York que nace cos obxectivos de descentralizar as actividades culturais, dinamizar o rural, impulsar pezas de danza e artes do movemento en espazos non convencionais e fomentar novos públicos converténdoos en espectadores activos.

Promoción exterior

A través desta liña de actuación, búscase impulsar e visibilizar o sector e o talento da creación de Galicia en eventos estratéxicos. Atópanse entre eles:

Para afondar nesta liña e impulsar a proxección interior e exterior da danza producida no país, a Axencia Galega das Industrias Culturais creou a marca Foco Galicia Danza, para participar en eventos de interese para o sector mediante un programa de actividades que cree pontes con outros territorios e contextos. Neste sentido, do 2 ao 5 de outubro de 2025, no marco da Quinzena de Dança de Almada, o Foco Galicia Danza, ofertou un programación de pezas de diferentes estilos e linguaxes, que amosaron a gran riqueza galega ante profesionais internacionais, programadores e públicos diversos.

Servizos

O Centro Coreográfico Galego pon a disposición do sector tanto as súas salas de ensaio como un servizo de préstamo de distintos materiais, que se poden solicitar descargando os seguintes formularios (a remitir cubertos e asinados aos enderezos electrónicos de contacto do Centro Coreográfico Galego):

Publicacións

 

* Fotografía de cabeceira: espectáculo Afectos, coproducido por Kirenia Danza co Centro Coreográfico Galego. Escenas do cambio 2023 | Autor: Manuel G. Vicente.

Share