A Xunta apoia a promoción dos filmes 'Arima' e 'Longa noite' no 16º Festival de Sevilla
A Consellería de Cultura e Turismo conta coa colaboración de Galicia Calidade para a recepción que se lles ofrece este mediodía a profesionais da industria audiovisual europea baixo o título Celebrando o cinema galego
A Consellería tamén contribúe á difusión exterior das producións galegas a través das subvencións da Agadic para a promoción en certames cinematográficos de prestixio e para a asistencia a mercados e foros internacionais
O audiovisual galego está representado na selección do Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF) a través das películas Arima, de Jaione Camborda, e Longa noite, de Eloy Enciso, que contan co apoio da Xunta de Galicia para a súa promoción neste encontro. O certame andaluz está a celebrar a súa décimo sexta edición desde o pasado venres e ata o día 16 coa cinematografía europea como protagonista.
O primeiro dos devanditos títulos galegos, que supón o debut na longametraxe da súa realizadora, tivo a súa estrea española onte dentro da sección competitiva Las nuevas olas e poderá verse tamén esta tarde e o mércores, mentres que Longa noite se proxectará hoxe e mañá como parte da sección oficial do festival, onde chega despois de pasar polos de Locarno, Toronto e Nova York. En ambos casos, os filmes exhibiranse na súa versión orixinal en galego, con subtítulos en español e inglés.
Con motivo destas seleccións, a Consellería de Cultura e Turismo e Galicia Calidade ofreceron este mediodía unha recepción baixo o título ‘Celebrando o cinema galego’, dirixida prioritariamente aos profesionais de toda Europa que están a participar no programa SEFF Industria.
Tanto Arima, producida por Esnatu Zinema, como Longa noite, por Filmika Galaika, contaron para a súa realización co apoio da Xunta a través das subvencións a producións e coproducións audiovisuais. Así mesmo, acompáñanse as produtoras no seu percorrido exterior mediante outras dúas liñas de axudas, convocadas –ao igual que no caso anterior– pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Dunha banda, as destinadas a cofinanciar as campañas promocionais dos filmes galegos en festivais e mostras nacionais e internacionais de prestixio e que aínda se atopan en período de solicitudes (ata o 15 de novembro). Doutra, as subvencións para a asistencia a mercados e foros de contidos audiovisuais, das que proximamente se publicará a súa terceira e última quenda de adxudicacións.