Share

Dezaseis novas películas e series galegas inician a súa preprodución con subvención da Xunta

Publícase na web da Agadic a adxudicación da última convocatoria anual das axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, dotada con 260.000 euros

O obxectivo é acompañar as produtoras galegas nos traballos previos cara á materialización dos seus próximos títulos

Dezaseis novas películas e series galegas inician a súa preprodución con subvención da Xunta

A Xunta publica hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a adxudicación da convocatoria anual de subvenciónspara o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, a través da que achega 260.000 euros aos traballos de preprodución de 16 futuras películas e series para cinema e televisión. As propostas beneficiarias de 2019 son sete novas longametraxes de ficción, tres series e miniseries televisivas, catro documentais e dous traballos de animación.
Entre os títulos beneficiarios, atópanse os filmes Océano titánico, de Frida Films; As escravas da Casa Salvañach, de Xamalú Filmes; Sinais, de Vizuals Lab; A parra, de Filmika Galaika; As neves, de Cósmica Producións; Starmucks, de Gaitafilmes, e O corno do centeo, de Esnatu Zinema, así como as seriesSofía Casanova, obreira do pensamento, de Zenit Televisión; Dante, de CTV, e Tagdemonium, de Congo Producciones Audiovisuales y Gráficas, na modalidade A para proxectos de ficción cinematográficos e televisivos.
 
Na categoría B para animación, recibirán axuda a serie Súper Valentina, de Abano Producións, e a longametraxe O labirinto de pedra, unha aventura en Santiago de Compostela, de Producións A Fonsagrada. Por último, na modalidade C para documentais obtiveron apoio Dúas vellas, sete gatos, tres máquinas de coser e María Casares: a muller que viviu mil vidas, de Agallas Films; O tempo do lume, de Madre Films, e A muller borrada, de Cósmica Producións.
 
A través desta liña de subvencións, acompáñase as produtoras na preprodución dos devanditos títulos, cos que nos anos seguintes poderán optar ás convocatorias da Xunta tanto para produción e coprodución audiovisual como para a súa difusión en feiras e mostras, ademais de a outros fondos estatais e europeos.
 
Promoción do talento
Algúns dos proxectos seleccionados para desenvolvemento dispuxeron tamén dun apoio previo á escrita do seu guión mediante a liña de axudas para a promoción do talento audiovisual galego. É o caso do documental Dúas vellas, sete gatos, tres máquinas de coser, de Marta Pérez Pereiro, e do filme de ficción Stramucks, de Andrés Goteira.
 
Destaca, así mesmo, a importante presenza feminina nos proxectos beneficiarios, tanto na creación e idea orixinal, como na realización e produción, entre outras tarefas. Así, xunto a Marta Pérez Pereiro, figuran nesta relación propostas de directoras e guionistas como Manane Rodríguez, Sonia Méndez ou Jaione Camborda, entre outras.
 
-Máis información