A Xunta e a editorial Dos Acordes publican as partituras da 'Sinfonía nº 2 Nas montañas de Galicia' de Andrés Gaos
Edítanse dentro da serie Agra Vella da colección Ars Gallaeciae Musicae, dedicada a recuperar e poñer en valor obras emblemáticas da música culta galega
O mestre Joám Trillo foi o encargado da transcrición e revisión desta obra, mentres que o catedrático da USC Carlos Villanueva realizou a introdución

A Xunta de Galicia e a editorial viguesa Dos Acordes volven dedicarlle un novo volume da súa colección Ars Gallaeciae Musicae ao compositor e violinista coruñés Andrés Gaos coa publicación das partituras da súa Sinfonía nº 2 Nas montañas de Galicia. O volume ofrece nova información sobre esta obra, que agora se edita con transcrición e revisión do mestre Joám Trillo e unha introdución a cargo do musicólogo Carlos Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Tanto con este novo título, que fai o número 33 da colección, como co volume 32 (Aires galegos e Novos aires galegos), a Xunta e Dos Acordes contribúen á celebración do Ano Gaos 2019, declarado pola USC con motivo do 60º aniversario do pasamento do autor, considerado como un dos grandes compositores galegos do pasado século.
Esta Sinfonía nº 2 foi composta ao longo de diferentes etapas da súa vida e, aínda que premiada en concursos auspiciados pola Institución Mitre en 1923 e polo Centro Galego de Bos Aires 30 anos máis tarde, o autor non puido ver interpretada a obra completa. Esta estrea tería lugar o 28 de xullo de 1974, 15 anos despois da súa morte, durante as xornadas organizadas polo Centro Galego de Bos Aires con motivo do centenario do seu nacemento. A estrea europea tería lugar ao ano seguinte no Teatro Colón da Coruña, con Rogelio Groba á batuta, e posteriormente sería executada pola Orquestra Sinfónica de Galicia en diferentes ocasións.
Andrés Gaos Berea (A Coruña, 1874 - Mar del Plata, Arxentina,1959) formouse musicalmente en Galicia, Madrid e Bruxelas, e asentouse en Bos Aires, cidade desde aque traballou como docente, compositor e concertista de violín en xiras internacionais. O seu repertorio, con máis de 70 obras, abrangue música para escena, orquestral, música de cámara co violín como protagonista, para canto e piano, así como unha interesante serie de composicións para piano solo, instrumento que chegou a tocar con gran perfección.
Música clásica, contemporánea e para banda
Nacida en 1992, Ars Gallaeciae Musicae pasa a publicarse desde 2006 en réxime de coedición con Dos Acordes, ao tempo que se estrutura en tres series para lle dar cabida a un máis amplo abano de títulos. Así, Agra Vella difunde obras asinadas por compositores galegos ou vinculados con Galicia xa desaparecidos, desde a Idade Media ata o século XX, mentres que Agra Nova e Ávrego ábrense a autores actuais e a composicións para bandas de música. En 2010, a colección foi recoñecida co Premio da Crítica-Galicia de Música pola súa “prolongada actividade investigadora e divulgativa” que, segundo sinalou o xurado do galardón no seu ditame, “enriquece o repertorio das orquestras nacionais e internacionais e potencia os novos autores”.
A edición da Sinfonía nº 2 Nas montañas de Galicia está xa á venda en establecementos especializados, nalibraría institucional en liña da Xunta de Galicia e a través da páxina web de Dos Acordes.