O director da Agadic visita a rodaxe na illa de Ons do novo filme de Alfonso Zarauza
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, compartiu esta tarde unha das xornadas de rodaxe co equipo do filme Ons, que se está a gravar integramente na illa que lle dá título. A produción do novo filme de Alfonso Zarauza está encabezada por Maruxiña Film Company, que conta para a súa realización cunha subvención de preto de 240.000 euros por parte da Xunta de Galicia.
A xornada de traballo desta tarde comezou cunha escena no mar interpretada por Melania Cruz e Antonio Durán Morris, dous dos protagonistas desta película que xunta drama e misterio para contar a historia dun matrimonio en crise que se instala en Ons e de como a illa e os acontecementos xerarán neles efectos contrarios. No elenco figuran tamén outros coñecidos nomes do audiovisual galego como Xulio Abonjo, María Vázquez, Miguel de Lira ou Marta Lado. O equipo comezou a primeiros de outubro a rodaxe neste enclave do Parque Nacional das Illas Atlánticas, onde ten previsto permanecer ata o vindeiro día 16.