A Xunta apoia o audiovisual galego ‘Fillos do vento. A rapa’, único de España que compite na Sección Inmersiva do Festival Internacional de Cannes
O proxecto, que contou co respaldo económico do Goberno galego, é un dos nove finalistas e foi seleccionado entre preto de 200 proxectos de todo o mundo
Mestura documental con experiencia interactiva para difundir esta tradición de Sabucedo, na Estrada, en proceso para ser declarada Ben de Interese Cultural
O responsable de Cultura do Goberno galego destaca que a súa selección “encádrase e confirma o espectacular momento que está a vivir o audiovisual de Galicia”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe, acompañado polo director da Axencia das Industrias Culturais,Jacobo Sutil, a videoinstalación Fillos do vento. A rapa de Brais Revaldería, proxecto con financiamento da Xunta e único de España que compite na Sección Inmersiva do Festival Internacional de Cannes.
López Campos deulle así o “merecido apoio” a este audiovisual, do que lembrou que foi seleccionado entre preto de 200 proxectos para participar “nun dos festivais máis prestixiosos do sector”. Ademais, salientou o feito de que estea entre os nove finalistas para competir na categoría interactiva, “demostrando que o sector galego tamén aposta e se desenvolve con éxito nas novas linguaxes e tecnoloxías”.
Neste senso, destacou que a súa selección “encádrase e confirma o espectacular momento” que está a vivir o noso audiovisual. En concreto, fixo fincapé no “fito histórico” de que dous filmes con participación galega, Sira de Oliver Laxe e Romería de Carla Simon, estean a competir nesta edición pola Palma de Ouro do Festival Internacional de Cannes. “Estamos o demostrar que somos unha potencia que non entende de fronteiras”, sentenciou.
Proxección internacional das Rapas das Bestas de Sabucedo
O titular de Cultura do Goberno galego tamén puxo en valor que o traballo audiovisual de Brais Revaldería, galego afincado en Nova York, supoña a “proxección internacional dunha tradición tan especial e sobranceira como a rapa das Bestas de Sabucedo”, da que lembrou que está en proceso para ser declarada Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial.
Cómpre salientar que esta experiencia cinematográfica, produto dun traballo de sete anos, achégase a unha das tradicións máis antigas de España a través dunha rompedora experiencia multisensorial cunha narración interactiva que permite ao público sentir e situarse no centro deste ritual ancestral
Antes da súa presentación no Festival de Cannes xa se puido ver un fragmento de Fillos do Vento. A rapa como parte dos 10 proxectos seleccionados no Festival de Cinema Documental Hot Docs de Canadá. En canto ao seu autor, Brais Revaldería, conta con dous Premios Emmy e un León de Oro de Cannes Lions, tamén na categoría de experiencias inmersivas polo traballo Westworld.