López Campos promove o audiovisual galego baixo a marca ‘Films from Galicia’ no mercado cinematográfico de Cannes
O Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitou o ‘Marché du Film’, o espazo dedicado á industria do sector que se desenvolve en paralelo ao festival francés
Unha ducia de produtoras galegas operan estes días na que está considerada como a área de negocio audiovisual máis importante do mundo

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe o Marché du Film, o mercado audiovisual que se desenvolve en paralelo ao Festival de Cannes, no que a Xunta está presente cun expositor identificado baixo marca Films from Galicia e desde o que se presta apoio á promoción dos últimos títulos producidos ou dos traballos en curso das empresas galegas do sector.
Acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o titular de Cultura do Goberno galego contribuíu á actividade na procura de alianzas estratéxicas desenvolvida pola ducia de empresas galegas acreditadas no que está considerado como o espazo de negocio cinematográfico máis importante do mundo, tanto por afluencia como por repercusión de negocio, xa que a el acoden cada ano 15.000 profesionais e 4.000 proxectos.
A través de Films from Galicia promóvese unha completa panorámica da actual produción galega de cinema e televisión, reunida nun catálogo dixital especialmente deseñado para distribuír nos principais mercados do circuíto internacional. A compilación de 2025 presenta 62 novos títulos, dos que 15 foron estreados recentemente e os 47 restantes ultiman a súa chegada ás pantallas. Son, en concreto, 30 películas de ficción, 21 documentais, catro obras de animación e sete formatos televisivos asinados polos principais cineastas do país.
Longos aplausos na estrea de Sirat
López Campos desprazouse a Cannes para acompañar o realizador galego Oliver Laxe e o equipo da súa película Sirat, que esta pasada noite espertou gran expectación e concitou preto de 10 minutos de aplausos ao remate da estrea mundial que tivo lugar no Grand Théâtre Lumière dentro da selección oficial do prestixioso certame.
Tanto Sirat como Romería, o filme rodado en Galicia pola catalá Carla Simón, compiten pola Palma de Ouro nesta 78ª edición de Cannes, o que supón un fito histórico para o audiovisual galego. Son, ademais, as únicas producións españolas en competición oficial. As dúas longametraxes contaron con financiamento da Xunta a través de distintas liñas de subvencións para o sector: a destinada a producións e coproducións audiovisuais no caso de Sirat e a dirixida a atracción de rodaxes, no de Romería.
A participación artística galega en Cannes complétase con Fillos do vento. A rapa, proxecto de Brais Revaldería seleccionado xunto a outras oito obras de distintos países na competición inmersiva. O conselleiro de Cultura visitou tamén na tarde de onte a videoinstalación na que se amosa esta proposta que combina o formato de documental cinematográfico cunha innovadora experiencia dixital para lle achegar a Rapa das Bestas de Sabucedo ao público internacional.