Share
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visita tamén a videoinstalación ‘Fillos do vento. A rapa’ coa que o galego Brais Revalderia participa na Competición Inmersiva

José López Campos acompaña a Oliver Laxe e o equipo de ‘Sirat’ na súa estrea mundial no Festival de Cannes

Subliñou o impacto que para a proxección exterior do noso audiovisual ten a participación, en sección oficial, tanto da nova longa do realizador galego como de ‘Romería’, filmada en Galicia por Carla Simón

Ambas as dúas películas contaron con subvención da Xunta para a súa produción e rodaxe, respectivamente, ademais de co apoio para a súa promoción na que é unha das principais citas cinematográficas do circuíto mundial

O representante do Goberno galego acudirá mañá ao Marché du Film que se desenvolve en paralelo ao certame francés e onde unha ducia de empresas galegas procura novas alianzas para ampliar o seu negocio internacional

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, xunto co director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, desprazouse ata a localidade francesa de Cannes para acompañar o realizador galego Oliver Laxe e o equipo da súa película Sirat na estrea mundial que terá lugar esta noite no Grand Théâtre Lumière dentro da selección oficial do prestixioso certame.

En palabras do titular de Cultura do Goberno galego, o fito histórico para o audiovisual galego de que tanto Sirat como Romería, a película rodada en Galicia por Carla Simón, estean competindo pola Palma de Ouro nesta 78ª edición de Cannes, suporá un gran impacto para a proxección exterior do noso cinema e dos seus profesionais tanto a curto como a medio prazo.

Única representación española en Sección Oficial 

Ambos os dous filmes contaron con financiamento da Xunta de Galicia a través de dúas das súas convocatorias anuais de subvencións para o sector: a destinada a producións e coproducións audiovisuais no caso de Sirat e as axudas para a atracción de rodaxes á nosa Comunidade, no de Romería. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está a apoiar igualmente a promoción de ambos os títulos durante o certame, no que son, ademais, as únicas producións españolas en competición oficial.

Filmes da Ermida, El Deseo, Uri Films e 4A4 Productions son as produtoras desta cuarta longa de Oliver Laxe, que vén confirmar a súa frutífera relación co Festival de Cannes despois de presentar con éxito os seus anteriores traballos en diferentes seccións paralelas: O que arde (galardón do xurado de Un certain regard), Mimosas (gran premio da Semana da crítica) e Todos vós sodes capitáns (estreada na Quincena dos realizadores).

Recepción oficial

O conselleiro asistirá tamén á recepción oficial de Sirat que terá lugar tras a estrea do filme e que se organiza coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e de Galicia Calidade. Ademais, tamén visitará esta tarde a videoinstalación Fillos do vento: A rapa, o proxecto de Brais Revaldería seleccionado na competición inmersiva. Trátase dunha proposta que combina o formato de documental cinematográfico cunha innovadora experiencia inmersiva para lle achegar a Rapa das Bestas de Sabucedo ao público internacional.

Para a xornada de mañá, José López Campos ten previsto acudir ao Marché du Film, o mercado profesional que se desenvolve en paralelo ao certame galo, para apoiar e coñecer de primeira man as primeiras impresións da ducia de empresas galegas alí desprazadas na procura de alianzas internacionais para os seus proxectos.

Pola súa banda, o 21 de maio chegará a quenda para a estrea mundial de Romería, rodada o pasado ano en Vigo e noutras localizacións da provincia de Pontevedra. Con ela, a directora catalá Carla Simón completa a triloxía de longametraxes na que explora as relacións familiares, inspirándose desta volta nas orixes da súa familia biolóxica paterna. Continúa así a senda que arrancou con Estiu 1993, coa que logrou o Goya á mellor dirección novel, e Alcarràs, Oso de Ouro na Berlinale.