Román Rodríguez presenta FEST Galicia en FITUR como estratexia para fomentar o turismo musical a través de festivais sostibles
O conselleiro de Cultura e Turismo adiantou que a marca avanzará este ano con novas accións de sensibilización a prol da igualdade e a diversidade e co intercambio de artistas entre territorios
No acto participaron tamén os directores dalgúns dos festivais adheridos, que anunciaron os principais atractivos e as datas das súas vindeiras edicións
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou hoxe no expositor de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur) as claves da marca FEST Galicia, creada pola Xunta para agrupar os principais festivais galegos e establecer de xeito conxunto unha liña de traballo estratéxica que acade beneficios económicos na nosa Comunidade mediante a colaboración entre música e turismo.
Indicou que esta dinámica concorda co establecido no último libro branco da Organización Mundial del Turismo e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (PNUD), documentos que destacan o valor da música para crear traballo e, á vez, promover os produtos e a cultura locais; e afondou na importancia de crear sinerxías entre música e turismo “dous sectores, que tanto en España como globalmente —dixo—están a medrar por riba da media do PIB”.
Durante o acto, o conselleiro estivo acompañado polo director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e polos directores dos festivais Resurrection Fest EG, PortAmérica, 17º Ribeira Sacra, Vive Nigrán e SonRías Baixas. Estes cinco festivais xunto con Atlantic Fest, Sinsal SON Estrella Galicia, Revenidas, Festival da Luz e WOS Festival conformaron os 10 eventos asociados á marca FEST Galicia na súa edición de lanzamento en 2018. Os obxectivos iniciais para promover o territorio galego como destino musical seguindo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social continúan vixentes na vindeira convocatoria de adhesión para 2019, á que poderán acceder máis festivais sempre que cumpran os requisitos establecidos.
Case 200.000 espectadores e impacto superior aos 12M de euros
Román Rodríguez fixo balance da primeira edición na que os 10 festivais adheridos á marca sumaron case 200.000 persoas asistentes e xeraron en total un impacto económico de máis de 12 millóns de euros. Asegurou que os festivais galegos foron consolidándose e singularizándose e hoxe están preparados para se converter nun elemento diferencial da oferta turística e cultural de Galicia porque “son diversos, creativos, integradores, proxectan unha imaxe de modernidade e impulsan o crecemento económico do país de forma equilibrada”. Lembrou tamén que FEST Galicia naceu como un proxecto transversal do Goberno autonómico, que veu a reforzar o apoio que xa se lles estaba brindando aos festivais mediante a convocatoria anual de subvencións.
Na que foi a súa experiencia piloto, a marca tivo presenza neles mediante diferentes accións coordinadas por Cultura e Turismo en colaboración directa con outras consellerías e departamentos da Xunta. Para o conselleiro, “este amplo equipo de traballo, no que se implicaron tantos departamentos autonómicos, dá idea da gran aposta que a Xunta de Galicia está facendo polo turismo musical”.
O verán pasado, os festivais FEST Galicia acolleron un espazo da marca desde o que se levaron a cabo accións sobre a importancia do respecto medioambiental, de fomento da igualdade a todos os niveis, de oportunidades para a mocidade ou de dinamización lingüística. Ademais, en colaboración cun grupo de expertos da Universidade de Santiago e aplicando una metodoloxía moi rigorosa e innovadora, FEST Galicia estudou a repercusión económica e social a través de máis de 6.000 enquisas realizadas en PortAmérica, Resurrection Fest, Sinsal, SonRías Baixas e Revenidas. Esta investigación permitiu extraer datos concretos sobre o impacto e sobre o retorno directo, indirecto e inducido que os festivais xeraron nos seus territorios. Estes informes están sendo o punto de partida para o deseño de novas medidas que redundarán nos valores que FEST Galicia promove, como son os casos da redacción dun Manual de Boas Prácticas, que se está elaborando en colaboración coa Asociación Empresarial Festivais de Galicia, ou dun selo de calidade para recoñecer e darlle aínda máis visibilidade a estes eventos.
Avance Fest Galicia 2019
Os responsables dos festivais presentes avanzaron tamén os principais atractivos e novidades das edicións que están preparando para este verán, así como algúns dos artistas xa confirmados que integrarán as carteleiras. Así, a temporada FEST Galicia comezará co Resurrection Fest EG (do 3 ao 6 xullo en Viveiro) e seguirá con PortAmérica (do 4 ao 6 xullo en Caldas de Reis), 17º Ribeira Sacra (do 18 ao 21 xullo en distintos concellos da Ribeira Sacra), Vive Nigrán (do 19 ao 20 xullo en Nigrán), Sons Rías Baixas (do 1 ao 3 agosto en Bueu), Atlantic Fest (do 26 ao 28 de xullo na Illa de Arousa), Sinsal EG (en xullo na Illa de San Simón, Redondela, por confirmar datas), Revenidas (do 9 ao 11 de agosto en Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa), Festival de la Luz (do 6 ao 8 de setembro en Boimorto), e WOS Festival (en setembro en Santiago de Compostela, con datas tamén por concretar).
Os encontros que formen parte de FEST Galicia 2019 acollerán novas iniciativas de sensibilización social en sintonía cos valores da marca, baixo a que se porán en marcha se en marcha outras accións, como o fomento da circulación de artistas galegos en réxime de intercambio con eventos similares realizados noutros territorios.