A Xunta convoca axudas para a produción e coprodución audiovisual por dous millóns de euros
A Agadic publica no DOG as bases destas subvencións, as de maior contía dentro do seu programa anual de apoio ao sector e ás que poden optar longas de ficción en imaxe real e animación, documentais e curtas, así como películas e series televisivas
Mantense a dotación económica respecto á convocatoria de 2018, para a que se estima que o investimento público está a propiciar unha actividade no audiovisual galego por valor de 11 millóns de euros
![A Xunta convoca axudas para a produción e coprodución audiovisual por dous millóns de euros](/sites/default/files/styles/main_image/public/img/novas/imagen955111.jpg?itok=gXl-2qd0)
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego para 2019, a través da que a Xunta inviste dous millóns de euros en novos proxectos promovidos por produtoras galegas independentes. Mantense así a dotación económica desta liña de apoio, a de maior contía dentro do programa anual de axudas públicas a este sector que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo.
Ao abeiro do devandito programa, nestes momentos está aberto o prazo de solicitude das convocatorias destinadas a festivais e á promoción do novo talento audiovisual galego, mentres que proximamente serán publicadas as dirixidas ao desenvolvemento de novos proxectos e á promoción e difusión en certames de prestixio internacional celebrados fóra de Galicia. No caso das axudas a producións e coproducións, as solicitudes poderán presentarse desde mañá e ata o 28 de febreiro.
Retorno do investimento público
Estas subvencións teñen como prioridade o impulso dun sector cultural considerado estratéxico para Galicia, de xeito que se contribúa á consolidación dunha industria audiovisual competitiva, con posibilidades de exportar e de darlle rendibilidade social e económica á cultura galega. Neste sentido, estímase que os dous millóns de euros adxudicados en 2018 estána propiciar unha actividade no sector por valor de 11 millóns de euros, cantidade resultante da suma de orzamentos dos 13 proxectos de cine e televisión beneficiarios o ano pasado.
Estas cifras implican que o investimento da Xunta de Galicia na produción audiovisual obtén un retorno de 5,5 por cada un dos euros destinados a esta liña específica de subvencións. En 2019 resolverase, ademais, a segunda fase das axudas ao desenvolvemento e produción audiovisual cara ao Xacobeo 2021, que foron convocadas en 2018 e a través das que a produción do proxecto finalmente elixido será cofinanciada con ata 1,5 millóns de euros.
Modalidades
As bases das subvencións a producións e coproducións audiovisuais publicadas hoxe volven establecer cinco modalidades, con cadansúa subdivisión para os diferentes tipos de propostas que son obxecto de apoio: longametraxes de ficción en imaxe real, de animación, documentais, curtas de ficción, animación ou documentais, e longas, series e miniseries para televisión.
Na primeira destas categorías, distínguese entre as longametraxes de autoría galega (aquelas nas que dous dos seguintes profesionais: director, guionista ou produtor executivo –ou só un deles no caso de coproducións internacionais–, conten con máis de dous anos de actividade profesional acreditada en Galicia) e as que, mesmo sen dispoñer desta condición, contribúan a fomentar o tecido industrial do sector audiovisual galego e posúan, ao tempo, un especial valor cinematográfico, cultural e social. Nesta categoría valorarase igualmente a vocación e capacidade de internacionalización dos proxectos presentados.
As longametraxes cinematográficas de animación e as documentais con especial valor cinematográfico son o obxecto das modalidades B e C, mentres que a D céntrase no apoio á produción de curtas de autoría galega.
Por último, a modalidade E destínase a traballos televisivos co obxectivo de impulsar a realización de longametraxes, miniseries e series de ficción, longas documentais e series de animación infantil e xuvenil para seren emitidas por este medio.
O orzamento destinado ás categorías A, B, C e E distribúese en tres anualidades, situando o maior esforzo económico na segunda delas para coincidir co período no que previsiblemente se iniciarán as rodaxes dos traballos subvencionados. No caso das curtametraxes, para as que se reservan especificamente 60.000 euros, a distribución será en dúas anualidades.