A Fundación Paideia e a Agadic organizan unhas xornadas sobre fotografía, turismo e innovación na música en directo
O ciclo dará comezo o vindeiro xoves 31 nos Estudios Mans da Coruña cunha mesa redonda cos fotógrafos Javier Rosa, Juan Pérez Fajardo e Cris Andina, á que seguirá un showcase do grupo emerxente Marés Sonoras
O impacto turístico de concertos e festivais centrará a sesión do 28 de febreiro, mentres que a innovación na xestión e o papel da tecnoloxía serán os temas centrais o 28 de marzo
A Agadic colabora coa Fundación Paideia Galiza na organización dunha nova edición das súas xornadas arredor da industria musical. Desta volta e baixo o título Fotografía, turismo e innovación na música en directo, o ciclo abordará neste primeiro trimestre do ano o impacto do sector dos concertos e festivais no desenvolvemento de eidos tan diversos como o fotográfico, o turístico ou o tecnolóxico.
O obxectivo é favorecer o intercambio, aprendizaxe, reflexión e debate sobre o papel, en moitas ocasións bastante descoñecido, dos profesionais que se dedican a estes ámbitos relacionados co sector da música.
As xornadas arrancarán o vindeiro xoves 31, ás 19,00 h., nos Estudios Mans da Coruña coa sesión dedicada á fotografía na música en directo. Nesta mesa intervirán como relatores Javier Rosa e Juan Pérez Fajardo, ambos os dous recoñecidos fotógrafos de importantes festivais a nivel nacional e internacional. A moderadora será a fotógrafa galega Cris Andina, tamén especializada en fotografía musical e recentemente galardoada co terceiro premio dos IPA Spanish Awards na categoría de retrato.
Actuacións de bandas emerxentes
Como nas anteriores edicións desta iniciativa, tras o debate e o intercambio co público, terá lugar un showcase dunha banda emerxente, que neste caso estará protagonizado por Marés Sonoras.
Nas súas dúas seguintes citas, as xornadas Fotografía, turismo e innovación na música en directo trasladaranse á sede da Fundación Paideia Galiza na praza de María Pita da Coruña. Alí terá lugar o xoves 28 de febreiro unha sesión arredor do impacto da música en directo no desenvolvemento turístico, para a que se contará coas intervencións de Miguel de la Cierva, director de El Náutico do Grove; Simón Valentín Bueno, exalcalde de Villarobledo, sede do Festival Viña Rock; e Adrián Rodríguez, director do Festival Sueños de Libertad de Ibiza. Moderará o debate Fran Núñez, investigador especialista en metodoloxía de avaliación de eventos culturais e codirector do equipo que desenvolveu os estudos de impacto económico, social e mediático de varios festivais para FEST Galicia, a marca creada pola Xunta para a promoción do territorio galego como destino musical seguindo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.
Nesta xornada actuará o grupo Inversión, mentres que na do 28 de marzo Allova tocará tras a xornada dedicada á innovación tecnolóxica. A manager Patricia Hermida, codirectora de MMF Spain, será a encargada de moderar o debate no que participarán Almudena Heredero, directora de Primavera PRO; Dania Débora, directora de Womad España, e Nacho Sánchez, CEO de InQbarna.
A entrada para estas tres citas é gratuíta, previa inscrición no web da Fundación Paideia Galiza: https://www.paideia.es/xornadas-fotografia-musica-en-directo/