Share
O director de Industrias Culturais participou na presentación da cita na que o circo contemporáneo e a creatividade escénica ocuparán parques e prazas da localidade

Apoio ao Festaclown, que converterá Vilagarcía de Arousa en escenario de humor e acrobacias

A nova edición celebrarase entre o 18 e o 23 de agosto e forma parte da campaña de verán `Para gustos, cultura´ da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Co subtítulo `A festa da risa´, o programa combina espectáculos internacionais coas propostas galegas de Marta Alonso Tejada, Rendos Pequeno ou Henriko Circo

O certame é un dos 13 beneficiarios das subvencións a festivais de artes escénicas de carácter profesional, aos que o Goberno galego destina 280.000€ este ano

O festival de circo, clown e creatividade escénica Festaclown regresa, co apoio da Xunta de Galicia, cunha nova edición a Vilagarcía de Arousa, onde ofrecerá, entre o 18 e o 23 de agosto, unha programación ao aire libre para celebrar as variadas expresións do circo contemporáneo e servir de encontro entre diferentes xeracións e culturas a través de espectáculos que combinan o humor e as acrobacias co compoñente solidario.

A cita, organizada pola promotora galega Culturactiva, conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través das subvencións para mostras e festivais de artes escénicas de carácter profesional, que este ano inviste 280.000 euros en 13 eventos deste ámbito. Ademais, forma parte da campaña Para gustos, cultura coa que o Goberno galego distribúe durante todo o verán 3400 citas de todos os ámbitos artísticos en máis de 200 concellos das catro provincias.

Circo e risas con compromiso social

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta nova edición do festival xunto ao seu coordinador, Nacho Fungueiriño, e representantes do Concello vilagarcián. Na súa intervención, Sutil destacou a aposta da organización por unha carteleira diversa e para todos os públicos, na que destaca o compromiso social, a versatilidade das propostas e a elevada implicación que se acada por parte de toda a cidadanía ao converter as prazas, rúas e parques da localidade en escenarios abertos.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén fixo referencia á diversidade e calidade das producións galegas que participan na programación, con espectáculos de humor, maxia, contacontos, números circenses e de clown da man de Marta Alonso Tejada, Rendos Pequenos, Mago Teto, Vero Rilo, Pérez&Fernández, Ghazafellos, A Cova das Letras, Assircopatas ou Henriko Circo. Esta última formación ofreceu un adianto do seu traballo ao rematar a presentación que tivo lugar no parque infantil da Ravella, un dos recintos que acollerá parte do festival.  

Co subtítulo A festa da risa, o festival asentado en Vilagarcía de Arousa avanza na súa consolidación como un referente no panorama circense estatal, xa que combina a esencia galega cun espírito aberto e solidario no que tamén teñen cabida creacións internacionais, como as das compañías Circo Rojo (Colombia/Canarias), A Tope (Arxentina), ou Abraham Arzate (México).

A traxectoria do Festaclown está marcada por unha aposta polas compañías emerxentes e a complicidade co público, que poderá participar en moitos dos espectáculos e na escolla da súa proposta favorita mediante o tradicional voto popular.

Cultura accesible e solidaria

O festival arrancará o luns 18 de agosto ás 19,30 h. na praza de Galicia e diferentes rúas, polas que o artista catalán Nacho Flores levará unha peza de circo contemporáneo, moi poética e visual, con música en vivo e inspirada nun imaxinario mitolóxico. A través dela, o público asistirá á viaxe de transformación na que o protagonista cabalgará facendo equilibrios entre minotauros e cabalos de Troia.

Nesta vindeira edición, o Festaclown integra no seu programa espectáculos realizados por persoas con capacidades diversas, nunha programación pensada desde a accesibilidade para crear comunidade e chegar a todos as sensibilidades.

O evento contará coa súa xa tradicional gala solidaria a cargo da ONG Pallasos en Rebeldía co espectáculo Circo contra a barbarie, programado tamén para o día da inauguración do festival, ás 21,00 h., na praza da II República.