Share
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación do programa do segundo semestre do ano

A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa ata decembro sete espectáculos no Teatro Principal de Ourense

As estreas de ‘A metamorfose’, de Sarabela Teatro, e ‘Nas nubes’ de Redrum Teatro, ou as pezas de danza ‘Dique’ e ‘Tabú’ ofrécense na cidade das Burgas a través do circuíto autonómico

Esta rede de artes escénicas e música, cofinanciada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e 43 entidades locais asociadas, conta neste 2025 con máis de 2M € para ofrecer 560 actuacións de 198 formacións artísticas profesionais

O orzamento para este segundo semestre do ano supera os 810.000 euros para achegarlle ao público 219 funcións de artes escénicas e concertos nas catro provincias galegas

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Xunta e 43 concellos e entidades locais asociadas, achegaralle sete funcións escénicas á programación do Teatro Principal de Ourense no segundo semestre do ano. A Rede destina preto de 48.000 euros para financiar estas representacións de teatro e danza en Ourense, como parte dun orzamento para o segundo semestre en toda Galicia que supera os 810.000 euros e ofrece 219 actuacións a cargo de 115 formacións artísticas (103 compañías escénicas e 12 grupos de música).

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, detallou esta colaboración durante a presentación celebrada hoxe no teatro ourensán, na que participou xunto ao vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández Gil, á directora do Teatro Principal, Olga Mojón, e ao vicerreitor do Campus de Ourense-Universidade de Vigo, Javier Rodríguez Rajo.

Estreas da temporada

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a calidade e a variedade da oferta do Teatro Principal así como a súa aposta pola creación galega. Destacou a estrea de A metamorfose, a nova produción de Sarabela Teatro que adapta ao galego a famosa novela de Franz Kafka. Carlos Álvarez Ossorio dirixe o espectáculo cun elenco formado por Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fernando González, Sabela Gago e Fina Calleja, e cun equipo no que Baltasar Patiño está a cargo da iluminación, Nuria Sotelo do movemento escénico, Ruth D. Pereira do vestiario e Vadzim Yuknevich do campo sonoro. Esta produción, apoiada pola Xunta a través da convocatoria de subvencións á creación escénica, abre a programación do escenario ourensán e poderá verse o 5 de setembro no marco  da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Sutil tamén salientou a estrea o 15 de novembro da nova montaxe de Redrum Teatro Nas nubes, unha comedia distópica sobre o impacto da tecnoloxía nas nosas vidas a partir da obra coa que José Luis Baños de Cos gañou o premio Barriga Verde de textos para monicreques convocado pola Axencia Galega das Industrias Culturais. Redrum é unha das tres compañías galegas beneficiarias das axudas da Xunta á creación escénica na modalidade destinada a proxectos plurianuais, polas que recibe 100.000 euros para garantir a continuidade dos seus equipos e proxectos no trienio 2025-2027.

Como parte do circuíto autonómico, o Teatro Principal de Ourense tamén acollerá na súa nova carteleira cuadrimestral as pezas de danza Dique, de Nova Galega de Danza coproducida polo Centro Coreográfico Galego (11 de setembro), e Tabú, de Colectivo Glovo (21 de novembro); Los yugoslavos, con texto e dirección de Juan Mayorga e un elenco formado por Luis Bermejo, Javier Gutiérrez, Natalia Hernández e Alba Planas (19 de setembro); a nova montaxe de Contraproducións Yo solo quería irme a Francia (22 de novembro) e a comedia Esas cousas marabillosas, de Empatía Teatro protagonizada por Elisardo de la Cruz (4 de decembro).

Tamén cine e música

Ademais, xa fóra da Rede, a nova carteleira do Principal inclúe proxeccións da vindeira edición do Ourense Film Festival (OUFF) e do Festival Internacional de Teatro (FITO), apoiados tamén polo Goberno autonómico, e outras propostas de teatro, danza, circo, música e cine.

Así, o público adulto poderá ver as producións teatrais Guitón Onofre con Pepe Viyuela e Bernardo Sánchez baixo a dirección de Luis d’Ors (25 de setembro), Camino a la Meca de Pentación Espectáculos con Lola Herrera como protagonista (12 de decembro) e Música para Hitler de Tal y Cual Producciones (20 de decembro). Destacan, así mesmo, as actuacións musicais da Orquestra Filarmónica de Cámara de Colonia (8 de outubro), o ciclo Blues Teatro Principal (11 e 12 de outubro), a Real Filharmonía de Galicia (17 de outubro), o Festival Voces Femininas (28 de novembro), a Orquestra de Cámara de Toulouse (29 de novembro) e o concerto de South Carolina Gospel Choir (17 de decembro). Xa en decembro, terá lugar o ciclo Nadal en Familia, con propostas dirixidas especialmente ao público familiar, como son o concerto da orquestra e coro da New Filarmónica (día 21), as pezas de danza Mímesis de Zigzag Danza (día 26), La maestra de Anita Maravillas e Portal 71 (día 27), teatro de obxectos con Compaña da galega Xampatito Pato (día 29) e circo co espectáculo Doppiozero de Circo Carpa Diem (día 30).

560 funcións en toda Galicia

Durante este 2025, a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta cun orzamento de máis de 2M € e programa 560 funcións de artes escénicas e musicais de 198 formacións en 43 concellos das catro provincias galegas. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, dispón para este ano un orzamento de preto de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, co que se constitúe un mercado determinante para a distribución interior dos espectáculos producidos no país.