A Xunta e a Deputación de Ourense difunden o audiovisual en galego cun ciclo de cine de verán por 30 localidades da provincia

A Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense difunden o audiovisual galego cunha escolma de filmes de distintos xéneros, todos eles realizados no noso idioma, cos que se artella un amplo ciclo de cine de verán con proxeccións ao aire libre en 30 localidades da provincia. As longametraxes As Neves, +Cuñados, Antes de nós, Os demos de barro e O soño da Sultana son os títulos escollidos para esta iniciativa, tal como se detallou na xuntanza que mantiveron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, co vicepresidente do organismo provincial, César Fernández.
O ciclo, que comezou o 23 de xullo en Baños de Molgas coa proxección de Os demos de barro no recinto do parque infantil e tivo unha segunda cita o pasado día 26 con Antes de nós nos exteriores da piscina Municipal de Verea, continuará a desenvolverse ata finais de agosto percorrendo localizacións exteriores dos concellos de Bande, A Mezquita, Vilar de Santos, Maceda, Vilar de Barrio, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, San Xoán de Río, Avión, Allariz, Nogueira de Ramuín, Melón, Ribadavia, Trasmiras, Carballeda de Avia, A Peroxa, Sarreaus, Piñor, Esgos, Boborás, Paderne de Allariz, Maside, Montederramo, Cartelle, O Bolo, Celanova, Castrelo de Miño e Barbadás. O proxecto conta tamén co financiamento do Instituto da Cinematografía y de las Artes Audiovisuales do Ministerio de Cultura, en virtude da colaboración emprendida coa Axencia Galega das Industrias Culturais para este fin.