O cinema galego consolida a súa presenza no circuíto internacional de festivais con catro novas estreas de películas subvencionadas pola Xunta
Tras as presentacións de ‘Sirât’ e ‘Romería’ en Cannes, e de ‘As estacións’ en Locarno, a Biennale de Venecia acolle o vindeiro martes 2 a premiére mundial de ‘Onte á noite conquistei Tebas’ dentro da sección ‘Giornate degli Autore’
Os filmes ‘San Simón’ e ‘Rondallas’ estrearanse en San Sebastián, onde se proxectarán tamén outras catro producións con participación galega, mentres que a longametraxe de animación ‘Decorado’ farao en Sitges

A crecente presenza do audiovisual galego no circuíto internacional de festivais de cinema verase reforzada nas próximas semanas coas anunciadas estreas de catro dos filmes subvencionados pola Xunta de Galicia –Onte á noite conquistei Tebas, San Simón, Rondallas e Decorado–, ás que se suma outras decena de seleccións protagonizadas por películas con participación de produtoras galegas.
Esta participación segue a senda marcada este ano por fitos como o paso por Cannes de Sirât, de Oliver Laxe, e Romería, rodada en Galicia pola catalá Carla Simón, como únicas producións españolas en competición oficial, que se atopan xa entre os títulos favoritos para a terna de aspirantes a representar a España nos Oscar. Entre as estreas internacionais no que vai de 2025 destacan, así mesmo, as doutras tres fitas apoiadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da liña de axudas para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos: Ariel, de Lois Patiño, e Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, no festival de Rotterdam, e As estacións, da directora franco-portuguesa Maureen Fazendeiro con Filmika Galaika como coprodutora, que a primeiros de mes se presentou en Locarno.
Dúas coproducións galegas na Biennale
Filmika Galaika está tamén á fronte da coprodución galego-portuguesa Onte á noite conquistei Tebas, que terá a súa première mundial o vindeiro martes 2 de setembro na Biennale de Cine de Venecia dentro da competición Giornate degli Autore. O complexo arqueolóxico Aquis Querquennis, no concello ourensán de Bande, é o escenario principal deste filme, opera prima do alacantino Gabriel Azorín e producido cunha axuda autonómica duns 255.000 euros.
Ademais, na sección Orrizonti desta 82ª edición do certame italiano estreouse onte mesmo Estrany riu, primeira longa de Jaume Claret Muxart, coproducida pola compañía galega Miramemira, a catalá Zuzú Films e a alemá Schuldenberg Films.
Pola súa banda, San Sebastián acollerá as presentacións en primicia mundial doutras dúas fitas cofinanciadas pola Xunta San Simón, dirixido por Miguel Ángel Delgado e producido por Miramemira, a través das subvencións á produción audiovisual, e Rondallas, filmada en diferentes localizacións da ría de Vigo baixo a dirección de Daniel Sánchez Arévalo, ao abeiro do fondo para a atracción de rodaxes. Polo festival vasco, que arranca o 19 de setembro, pasarán igualmente Sirât, Romería, Estrany riu e Ciudad sin sueño, unha coprodución na que participa a compañía galega Sintagma e que tivo a súa estrea na Semana da Crítica de Cannes.
Completa a listaxe de estreas anunciadas ata o momento, a da longametraxe de animación Decorado a primeiros de outubro no Fesival Internacional de Cine Fantástico de Sitges. A nova proposta do premiado Alberto Vázquez contou tamén con subvención da Xunta de Galicia para a súa coprodución entre a galega Abano Producións e a vasca UniKo.
Moitos dos títulos que conforman esta extensa representación galega en festivais veranse tamén noutros destacados certames que seguen a estela de Cannes, Locarno ou Venecia, recuperando o mellor desas citas. Así, a primeiros de setembro viaxan a Toronto As estacións e Sirat, mentres que esta última conforma, xunto a Romería e Onte á noite conquistei Tebas, a representación española no Festival de Nova York, que celebra a súa 63ª edición a partir do 26 de setembro. Ambos certames constitúen unha das mellores plataformas para o lanzamento das producións que alí se presentan no mercado norteamericano.
Axudas á promoción das películas seleccionadas
Ademais do apoio á fase previa á súa chegadas aos cinemas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon a disposición do audiovisual galego unha convocatoria anual de axudas para contribuír á promoción das películas seleccionadas nas principais citas do circuíto internacional de premios e festivais.
Nestes momentos, aínda permanece aberto o prazo de presentación destas subvencións para a comercialización e difusión exterior de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos, que poden solicitarse ata o 3 de novembro ou ata o esgotamento dos 70.000 euros convocados en 2025.
Fotogramas, por orde de lectura:
- Onte á noite conquistei Tebas, de Gabriel Azorín
- Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo
- San Simón, de Miguel Ángel Delgado
- Decorado, de Alberto Vázquez