O FICBUEU programa curtas dunha trintena de países e unha ampla escolma galega co apoio da Xunta
É un dos 10 certames cofinanciados en 2025 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da convocatoria de axudas a festivais audiovisuais, dotada con 300.000 euros
‘Romería’, de Carla Simón, será a película inaugural da mostra, que nesta nova entrega acolle dúas estreas absolutas, nove en España e 32 en Galicia

O Festival Internacional de Cinema de Bueu presentou hoxe a súa 18ª edición, que do 5 ao 20 de setembro desenvolverá unha ampla programación con curtametraxes chegadas dunha trintena de países, poñendo o foco tamén no talento galego. O certame volve contar cunha das axudas da Xunta de Galicia á organización de festivais do sector audiovisual, que na súa convocatoria de 2025 distribúe 300.000 euros entre 10 eventos.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou hoxe o equipo da organización na presentación desta nova entrega da mostra cinematográfica xunto os representantes das entidades colaboradoras. Na súa intervención, referiuse a este apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que se materializa nunha subvención duns 42.000 euros para o festival, así como noutra achega de máis de 12.000 euros a través das axudas a laboratorios, incubadoras e residencias de proxectos audiovisuais para a III Residencia FICBUEU, que se desenvolverá en outubro na illa de Ons.
Sutil felicitou a organización pola programación que ten preparada para 2025 coa participación de curtas dunha trintena de países nas súas diferentes seccións, das que 32 son estreas en Galicia, nove en España e dúas absolutas. O audiovisual galego tamén está presente na Sección Oficial con Abellón, de Fon Cortizo; Hippocampus, de Xaime Miranda, e Patios de luz, de Fran Rodríguez, así como na sección GZ_00, na que se proxectarán seis curtas asinadas por cineastas emerxentes.
Inauguración
O FICBUEU abrirá este venres, 5 de setembro, coa proxección de Romería, de Carla Simón, o mesmo día que chega ás salas de cinema. Ademais, estarán presentes nun encontro co público Alberto Gracia e Marina Troncoso, que forman parte do reparto desta película, filmada en Vigo e noutras localizacións pontevedresas cunha das axudas do fondo da Xunta para a atracción de rodaxes a Galicia.
O certame completa o seu cartel cunha serie de actividades que lle outorgan unha dimensión completa no seu labor de divulgación cultural. Deste xeito, acollerá durante esta primeira fin de semana unhas xornadas arredor da música e o cinema. Precisamente, Ernest Pipó e Ana Pfaff falarán sobre a música e a montaxe en Romería, mentres que Ana Morote, Gustavo Gill, Iván M. Lacámara, Mara Villavicencio, Alberto Torres e Gabi Martínez abordarán a creación das bandas sonoras e o emprego da música como elemento narrativo. Finalmente, o crítico de cinema Diego Salgado ofrecerá un percorrido por compositoras que fixeron grandes achegas á historia da composición cinematográfica, mentres que o especialista en música de cine Conrado Xalabarder analizará a importancia do son e da música no cinema de David Lynch.
A identidade e o exilio conforman a liña temática da sección Retrospectiva, que o sábado 13 lle achegará ao público filmes de Alexander Kluge, João César Monteiro, Chantal Akerman, Pier Paolo Pasolini e Jomí García Ascot, en diálogo coa presentación do Caderno FICBUEU #6. O destino como forma. Imaxes do exilio / exilios da imaxe, obra de José Manuel Mouriño.
Destaca tamén a iniciativa MiniFIC, que terá lugar do 15 ao 20 deste mes, con proxeccións destinadas ao público infantil e xuvenil co obxectivo de fomentar o seu interese polo cinema e na que participarán arredor de 2000 escolares.