O CDG publica o texto do espectáculo 'Divinas Palabras Revolution' na súa colección O Papel do Teatro
Recolle a versión en galego da obra de Valle-Inclán, asinada por Manuel Cortés e Xron
O volume, coeditado pola Axencia Galega das Industrias Culturais e Edicións Positivas, está tamén á venda na Libraría Institucional da Xunta de Galicia
A versión en galego da obra teatral de Valle-Inclán Divinas Palabras realizada por Manuel Cortés e Xron para o espectáculo do Centro Dramático Galego Divinas Palabras Revolution. Traxicomedia de aldea global é obxecto do terceiro número da colección O Papel do Teatro, creada para darlle difusión aos textos das producións da compañía pública.
Do mesmo xeito que xa se fixera co primeiro e segundo números da serie, Tartufo, de Molière, e Martes de Carnaval (As galas do defunto e A filla do capitán), tamén de Valle, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Edicións Positivas asumen en réxime de coedición a publicación deste volume.
Trátase dunha edición de peto de 80 páxinas, con fotografías a cor que reproducen algunhas das escenas de Divinas Palabras Revolution, estreada polo CDG o pasado 12 de abril no Salón Teatro de Santiago baixo a dirección de Xron, e que tivo realizado funcións noutros oito escenarios galegos (Carballo, Ourense, O Barco de Valdeorras, A Coruña, Pontevedra, Rianxo, Vigo e Cangas) e no Teatro Español de Madrid.
Ademais da adaptación da peza, o exemplar inclúe senllos artigos de Fefa Noia, directora do CDG, e de Xron, así como a relación dos integrantes dos equipos artístico e técnico que puxeron en pé a montaxe interpretada por Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Patricia de Lorenzo, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos, Tomé Viéitez e a colaboración especial de Mónica Camaño.
Na súa introdución, titulada As Divinas Palabras de Valle-Inclán segundo o Doutor Frankenstein, Xron refírese ao texto como “unha versión inconscientemente libre do texto orixinal”, á que se achegou “como se fose un cadáver ao que había que facer unha autopsia, abrir en canal, extraer os seus órganos internos e recompoñer de novo cada unha das súas partes, para lle dar nova vida dentro do contexto actual da nosa sociedade”, relata.
Divinas Palabras Revolution pode mercarse xa a un prezo de 9,50 euros a través da Libraría Institucional da Xunta de Galicia e está tamén dispoñible nos principais puntos físicos de venda galegos.