Share

Dous concertos a carón das praias de Laxe e O Grove abren mañá a programación semestral da Rede Galega de Música ao Vivo

O circuíto musical promovido pola Xunta de Galicia ofrecerá entre xullo e decembro 136 novos recitais en salas de titularidade privada e para público reducido

A Ventana de Laxe acollerá actuación do grupo Ejazz ás 23,30 h., en tanto que Los Mecánicos soarán desde a medianoite no Náutico do Grove

Dous concertos a carón das praias de Laxe e O Grove abren mañá a programación semestral da Rede Galega de Música ao Vivo

A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) inicia mañá a súa nova programación para o segundo semestre do ano con dous concertos de verán, que terán lugar na sala A Ventana de Laxe, onde actuará o grupo feminino Ejazz ás 23,30 h., e no Náutico do Grove, no que soará o rock hispano dos anos 60 a cargo de Los Mecánicos a partir da medianoite.
Ambas citas, programadas en locais a carón da praia como parte da oferta cultural galega, serán as actuacións inaugurais dos vindeiros meses neste circuíto promovido pola Xunta de Galicia, que desenvolverá ata finais de decembro 136 novos concertos a cargo de 41 formacións musicais de todos os estilos, a meirande parte delas galegas. A cifra de recitais súmase aos 145 xa realizados antes de xullo, polo que cando remate o ano terase ofrecido un total 281 citas coa música en directo nas 23 salas de 14 localidades que conforman a RGMV
 
Dentro deste calendario, para o que resta deste mes están previstas tamén as seguintes citas: Odaiko e Vanesa Muela no Náutico do Grove o día 22, Greenwater na Ventana de Laxe o día 25, Xacobe Martínez Antelo Trío, tamén o Día de Galicia, no Jazz Filloa da Coruña, Los Mecánicos na Sala Bianco Sama de Vilagarcía de Arousa o día 27 e Blues do País, de novo na Ventana de Laxe o martes 31. 
 
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é a promotora desta Rede, á que achega 185.000 euros, o que supón o 85% do seu orzamento total e un 105% máis que en 2017. Este ano, ademais, a RGMV reforzou os seus estándares de profesionalidade, mellorando as condicións económicas na contratación artística, aumentando a circulación dos grupos polas diferentes salas e fixando baremos de calidade na selección dos espazos.
 
Un circuíto de 23 salas para 4.300 persoas
Estes requirimentos foron cumpridos polas 23 salas que comezaron esta nova andaina, e que, en conxunto, ofrecen unha capacidade total para 4.300 persoas. Son Bâbâ Bar, Jazz Filloa Club, Playa Club e Sala Garufa Club da Coruña, A Pousada das Ánimas de Boiro, SalaSon de Cangas do Morrazo, Super 8 de Ferrol, A Ventana de Laxe, Club Clavicémbalo de Lugo, A Fundación e Pub Gatos de Melide, Var con V de Moaña, Náutico do Grove, Sala Baranda do Barco de Valdeorras, A Casa das Crechas, La Borriquita de Belém, Moon Music Club e Sala Capitol de Santiago, El Contrabajo e La Fábrica de Chocolate e La Pecera de Vigo, a Sala Bianco Sama de Vilagarcía de Arousa e A Arca da Noe de Vilar de Santos.  
 
Un 75% de grupos galegos
A carteleira da Rede Galega de Música ao Vivo reflicte a variedade da música galega actual, con estilos que van do rock e pop ao jazz, pasando pola electrónica, a canción de autor, o rap ou o folk. Concédelle un gran protagonismo ás bandas e intérpretes galegos que, cando menos, supoñen o 75% das contratacións, segundo se especifica na normativa de funcionamento.
 
Así, atopamos en cartel formacións e solistas como Eladio y los Seres Queridos, Aló Django, Xavier Díaz & Aufeiras do Salitre, Xan Curiel, Zënzar, Vandallica, Bakin Blues Band, Rodrigo Romaní, Alejandro Vargas Trío, Handle With Swing, Berlai, Baldo Martínez Trío, Gold and Colt, Gustavo Almeida, Iria Estévez, Lesuit, David Regueiro, Greenwater, Mad Martin Trío, Marta Sancho & Jorge Abreu, Pablo Castaño Quartet, Pepe Vaamonde, The Soul Brakers ou The Lákazans, entre outros.
 
A programación completa pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda.

[Na imaxe, o grupo Ejazz]