Share

A Xunta apoia o Festival Sinsal na Illa de San Simón cunha subvención da Agadic e a través da marca FEST Galicia

O encontro obtivo preto de 19.700 euros da liña de axudas a festivais de música que convoca a entidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

esenvolveranse campañas concretas como ‘AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual’, da Secretaría Xeral da Igualdade, ou ‘O galego crea ambiente’, da Secretaría Xeral de Política Lingüística

O escenario FEST Galicia, ubicado diante do paseo dos buxos, acollerá algunhas das propostas musicais do festival, que mantén en secreto o seu cartel e chega á súa nova edición con todas as entradas vendidas

A Xunta apoia o Festival Sinsal na Illa de San Simón cunha subvención da Agadic e a través da marca FEST Galicia

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia celebrarase na Illa de San Simón do 26 ao 29 de xullo co apoio da Xunta, mediante unha subvención da Agadic de 19.700 euros e distintas accións de FEST Galicia, a marca creada para promover o territorio galego como destino musical con criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.
O encontro, que cumpre este ano a súa 16ª edición (a oitavana Illa de San Simón), concorre por  quinto ano consecutivo a esta convocatoria, dotada cun total de 280.000 euros e da que se benefician outros 11 grandes eventos musicais galegos. Ademais, o Festival Sinsal SON Estrella Galicia é membro de FEST Galicia, na que están asociados 10 festivais de verán que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegarlle valores engadidos á experiencia musical tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización.
 
Así o explicou hoxe en Vigo na presentación de Sinsal 2018 o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen participou no acto xunto con Julio Gómez, codirector do evento, e outros representantes de institucións e firmas comerciais patrocinadoras. Na rolda de prensa, os organizadores confirmaron que, unha vez máis, o festival se iniciará coas entradas xa esgotadas para un cartel artístico que permanece en secreto ata o mesmo momento da chegada á illa, á que se accederá en barco desde os peiraos de Vigo e de Meirande. Tamén anunciaron distintas novidades complementarias para este ano, como as andainas guiadas que percorrerán ese especial enclave atlántico ou o programa enfocado para público profesional que terá lugar o xoves 26.
 
Igualdade, lingua e medio ambiente
Jacobo Sutil especificou que a marca Galicia Fest está a ter presenza nos eventos adheridos a través dun espazo propio de difusión e sensibilización, así como de campañas, accións e liñas de traballo en diferentes ámbitos, adaptadas especificamente a cada un dos festivais e coa colaboración directa doutros departamentos da Xunta, como a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Secretaria Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Turismo de Galicia ou a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
 
Deste xeito, concretou que FEST Galicia estará presente no Festival Sinsal SON Estrella Galicia cunha serie de accións transversais. O ámbito da igualdade centra varias das iniciativas que se desenvolverán na Illa de San Simón a través da marca, que defende tanto a programación musical planificada con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres nos postos directivos e técnicos dos equipos de traballo. Ademais, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade, difundirase a campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual, o que supón que no espazo FEST Galicia haberá persoas expertas informando sobre como actuar ou a quen acudir en caso de agresións a través da difusión dun decálogo contra a violencia sexual. Ademais, o domingo 29, de 16,00 a 19,00 h. desenvolverase un obradoiro de estampaxe de camisetas serigrafiadas co lemae personalizadas con emoticonos.
 
No Sinsal comunicarase tamén a campaña O galego crea ambiente, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e co obxectivo de dinamizar a lingua galega entre a mocidade, sensibilizando e fomentando unha actitude respectuosa. Esta campaña entronca medio ambiente con lingua como valores patrimoniais imprescindibles que é necesario coñecer e valorar. Neste marco, o venres 27 entre as 18,00 e as 20,30 h., un técnico e unha técnica darán a coñecer o Plan de Dinamización da Lingua Galega e recollerán as achegas e ideas das persoas que participen. O comunicador Víctor Grande tamén participará nesta actividade gravando vídeos selfies coas achegas do público.
 
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está implicada así mesmo nas accións de FEST Galicia a través da distribución de todas as tipoloxías de contedores para a xestión axeitada dos residuos xerados durante o festival; e de accións coordinadas por monitores e monitoras que divulgarán a importancia da sustentabilidade ambiental neste tipo de eventos e, especialmente, nun lugar tan sensible ambiental e patrimonialmente como é a Illa de San Simón.
 
Escenario FEST Galicia
Por último, a Xunta de Galicia patrocina a través da marca unha parte do programa do festival a través do escenario FEST Galicia, situado no centenario Paseo dos Buxos. Por el pasarán algunhas das principais musicais do devandito cartel secreto. Coa súa participación en FEST Galicia, o Sinsal SON Estrella Galicia comprométese a aplicar criterios de igualdade na súa programación, unha dinámica que é xa unha constante neste certame. De feito, o equipo de produción desta edición conta cun 60% de mulleres, un 44 % das bandas contratadas están lideradas por artistas femininas, outro 44 % por homes e o 12% restante corresponde a formacións mixtas.

-Festival Sinsal
-Fest Galicia