Share

A Banda Artística de Merza réndelle tributo a Queen nos Atardeceres do Gaiás

A formación crucense, a máis antiga de Galicia, ofrecerá un concerto aberto ao público mañá ás 21:00 horas na Cidade da Cultura

O secretario xeral de Política Lingüística e o director da Agadic participaron hoxe na rolda de prensa de presentación

A Banda Artística de Merza réndelle tributo a Queen nos Atardeceres do Gaiás

A Banda Artística de Merza, considerada a máis antiga de Galicia, réndelle tributo ao grupo británico Queen no marco do programa Atardeceres no Gaiás e dos actos de celebración do 190º aniversario da súa fundación. A formación crucense estará acompañada polo coro vigués Gli Appassionati neste concerto, que terá lugar mañá na Cidade da Cultura.
A cita suporá a estrea do novo proxecto Queen Symphony, que se poderá seguir desde as 21,00 horas con entrada libre e de balde, na praza central da Cidade da Cultura de Galicia.

Así o anunciaron hoxe en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañados polo alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero; e mais polo presidente e director da banda, Francisco Fernández e David Fiúza, respectivamente.

“O concerto Queen Symphony na Cidade da Cultura constitúe sen dúbida a gran cita deste verán no ámbito sinfónico e musical, un encontro no que a nosa cultura e lingua propias terán oportunidade de dialogar cun dos grandes grupos da historia da música universal”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística.

Pola súa parte, o director da Agadic incidiu “no compromiso da Consellería de Cultura co apoio e a difusión da actividade bandística e na importancia do papel que exercen estas formacións musicais na creación e na consolidación de públicos consumidores e produtores de música no futuro”.

Queen Symphony constitúe a reinterpretación de carácter sinfónico dos éxitos da mítica banda inglesa, composta no ano 2002 por Tolga Kashif e estreado mundialmente no Royal Festival Hall coa Royal Philharmonic Orchestra, da man da Banda Artística de Merza con acompañamento do coro vigués Gli Appassionati, coa participación dun cento de instrumentistas e 70 voces que permitirán escoitar de xeito totalmente diferente e novidoso os temas da formación liderada por Freddie Mercury.

A estrea do novo proxecto despide o mes de xullo do programa Atardeceres no Gaiás, que ofrece 21 actuacións entre xullo e agosto nunha edición deseñada como unha aposta polas voces femininas. Toda a información e calendario de concertos no web http://www.cidadedacultura.gal/es/evento/atardecer-no-gaias-2018 e na Axenda de Cultura de Galicia.