Share

'Galicia Importa' pecha a súa edición de 2018 cun concerto da lenda do jazz Ron Carter o 10 de novembro en Ourense

A Xunta apoia esta programación, organizada por Sweet Nocturna, que presenta por vez primeira en Galicia o cuarteto Foursight Quartet do que foi o contrabaixista de Miles Davis, ademais de colaborador doutros grandes nomes da música

O músico estadounidense, de 81 anos, pon o colofón a esta nova entrega do ciclo, dentro do que tamén actuaron o israelí Asaf Avidan, a mítica Ronnie Spector, a banda estadounidense Mercury Rev e o bluesman británico Jack Broadbent

'Galicia Importa' pecha a súa edición de 2018 cun concerto da lenda do jazz Ron Carter o 10 de novembro en Ourense

O ciclo Galicia Importa 2018 chegará á súa fin o sábado 10 de novembro co concerto que a lenda do jazz Ron Carter ofrecerá ás 22,00 h. no Teatro Principal de Ourense, presentando por primeira vez na nosa Comunidade o seu Foursight Quartet. Este será o último dos cinco concertos da actual edición do programa.
A promotora Sweet Nocturna promove esta iniciativa en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para lle achegar ao público galego os directos de destacados nomes da música nun formato especial e máis próximo aos espectadores, como foi o caso dos concertos ofrecidos este ano polo israelí Asaf Avidan, a mítica Ronnie Spector, a banda estadounidense Mercury Rev e o bluesman británico Jack Broadbent
 
O director da Agadic, Jacobo Sutil, incidiu neste obxectivo durante a presentación do concerto, que tivo lugar hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel e no que tamén interviñeron o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar, e David Lago, da produtora Sweet Nocturna. As entradas xa están á venda a través do web ataquilla.com a un prezo de 10 euros máis gastos de xestión.
 

 
Sutil explicou que a sétima edición de Galicia Importa supuxo o regreso aos escenarios galegos desta iniciativa musical tras unha primeira etapa entre 2008 e 2013 durante a que visitaron Galicia máis de 40 bandas e artistas, moitos deles de culto. En 2018, Ourense e o Teatro Principal súmanse a esta programación e, como asegurou o director da Agadic, fano pola porta grande, “co lendario Ron Carter, un imprescindible do jazz que leva máis de seis décadas nos escenarios e foi integrante no seu día da banda de Miles Davis”.

Récord Guinness
O estadounidense, de 81 anos, tamén fixo gala da súa mestría ao contrabaixo xunto a outros grandes deste e doutros xéneros musicais, cos que ten actuado, gravado ou colaborado. Nesta ampla listaxe atópanse nomes como os de Chet Baker, Thelonoius Monk, Herbie Hancock, Waybe Shorter, Chick Corea, George Benson, Antonio Carlos Jobim ou Quincy Jones, entre moitos outros. Posúe, ademais, o récord Guinness como o baixista de jazz con máis gravacións ás súas costas.
 
Seguindo a súa filosofía de traballo baseada na profesionalidade e no rigor, Carter é todo un referente para varias xeracións, como demostra a gran estima que sempre se lle demostrou como mestre en institucións tan prestixiosas como o City College of New York ou a Juilliard School of Music.
 
Ademais do seu extenso e brillante currículo na escena jazzística, Ron Carter é tamén un reputado chelista, tendo participado como tal en numerosas gravacións de música clásica e de bandas sonoras.
 
Descentralización e desestacionalización
Para o director da Agadic,  a celebración deste concerto no Teatro Principal de Ourense dá conta da aposta pola descentralización e a desestacionalización dos eventos de Galicia Importa, que busca achegarlle ao público unha  proposta diferenciada e alternativa a eventos musicais de carácter máis masivo.
 
Segundo Sutil, trátase ademais dun “magnífico complemento” á ampla e intensa programación que a Axencia promove a través de diferentes vías e que se traduce cada ano en máis de 1800 citas culturais de todos os xéneros e, na meirande parte dos casos, de produción galega.

-Facebook de Galicia Importa
-Venda de entradas