Share

O Festival de Jazz de Lugo celebra a súa 28ª edición con 25 concertos, master class e proxeccións de cinema

O director da Agadic participou na presentación do cartel deste ano, que se despregará do 10 ao 18 de novembro en cinco espazos da cidade

As bandas galegas comparten protagonismo con importantes nomes do panorama internacional como David Murray, Charles McPherson, Sara McKenzie, Zuperoctave ou Yellowjackets

O Festival de Jazz de Lugo celebra a súa 28ª edición con 25 concertos, master class e proxeccións de cinema

O Festival de Jazz de Lugo presentou a súa 28ª edición, que se desenvolverá do 10 ao 18 de novembro en cinco espazos. O seu labor de difusión deste xénero musical concretarase este ano en 25 citas culturais, que ademais dos concertos e jam sessions, inclúen tamén dúas clases maxistrais de Cristina Mora e de Gilad Hekselman e as proxeccións de Cine Documenta Jazz.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou os organizadores nesta presentación, na que interviñeron tamén a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a deputada de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García Porto; o responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia, Víctor Mantiñán; e Alberto Grandío, en nome de Escobijazz, a asociación organizadora deste encontro.
 
Jacobo Sutil subliñou que o Festival de Jazz de Lugo leva demostrado ao longo dos seus case trinta anos de historia “un papel moi relevante, sobre todo por se centrar nun ámbito especializado do jazz como xénero musical, pero tamén por actuar como un foco máis de atracción musical cara á cidade e mesmo por se celebrar fóra do calendario de festivais que se desenvolven maioritariamente entre xuño e setembro”.
 
Boa saúde do jazz galego
“É por isto –continuou– que a Agadic vén apoiando nos últimos anos este festival, co convencemento de que a súa continuidade é esencial para a nosa cultura, para a nosa música e para o noso jazz”. Neste punto, fixo fincapé na boa saúde da que goza o jazz galego, como de feito se poderá comprobar nas actuacións que ofrecerán nesta 28ª edición do encontro artistas como Nani García, Pablo Castanho, Marcos Pin, Natasia Zürcher, David Regueiro ou Juyma Estévez. Estes dous últimos forman parte, así mesmo, da programación da Rede Galega de Música Ao Vivo, o circuíto regular de concertos da Agadic ao que está asociado o Club Clavicémbalo.
 
Esta coñecida sala lucense é un dos cinco espazos que acollerá as actividades deste ano xunto á Casa do Saber, o pub Ho! Gruf, o Centro Cultural Vello Cárcere e o Círculo das Artes, escenario este último que volverá recibir a visita de recoñecidos grupos e artistas do panorama jazzístico internacional. Entre eles, o David Murray Infinity Quartet; o Charles McPherson Quartet co pianista Bruce Barth; Sara McKenzie; o trío Zuperoctave que integran Gilad Hekselman, Aaron Parks e Kendrick Scott; Yellowjackets; Antonio Lizana Group, e Fabrizio Bosso & Special Quintet co saxofonista Max Ionata.
     
Hoxe activouse a venda anticipada de entradas na plataforma Notikumi.com para os concertos de pago, que tamén poderán adquirirse na caseta do festival instalada na praza Maior no caso das actuacións do Círculo das Artes e no Clavicémbalo para as da propia sala.
 
-Festival de Jazz de Lugo