Share

O CGAI catalogará e conservará o arquivo fotográfico de César Antonio Molina

O conselleiro Román Rodríguez e o escritor e ex-ministro de Cultura asinaron hoxe un contrato para a cesión da ampla colección de fotografías deste último que dá conta da súa traxectoria vital, cultural e profesional

Este material incorporarase ao fondo da filmoteca galega, que atesoura arredor de 40.000 fotografías, ademais de filmes e outros materiais audiovisuais

O CGAI catalogará e conservará o arquivo fotográfico de César Antonio Molina

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o escritor e ex-ministro de Cultura César Antonio Molina asinaron esta tarde un contrato para a cesión do arquivo fotográfico deste último ao Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia. Alí procederase á análise, inventario, catálogo e rexistro de todo este material.
Este arquivo reúne tanto fotografías familiares desde finais do século XIX como instantáneas que dan conta da súa intensa traxectoria vital, cultural e profesional, ademias de imaxes que lle foron dedicadas por fotógrafos de prestixio, ademais de reportaxes en formato audiovisual e outros materiais que compoñen un fondo documental de cinema.
 
O conselleiro de Cultura agradeceulle a César Antonio Molina esta cesión, ao tempo que  explicou que, a partir deste momento, se iniciarán os traballos previos cara á dixitalización e conservación dos fondos do autor coruñés. A relación deste co CGAI vén de lonxe, xa que a el se lle debe por exemplo que, durante a súa etapa como ministro de Cultura e en colaboración coa Filmoteca Española, se depositase na sede deste centro da Xunta unha copia das noticias e documentais do NO-DO relacionadas con Galicia desde 1943 a 1979.
 
Obra e traxectoria profesional
Licenciado en Dereito e doutor en Ciencias da Información, César Antonio Molina conta cunha copiosa obra literaria como poeta, ensaísta e crítico, entre outros xéneros, con medio cento de libros editados. Ademais do seu labor á fronte do Ministerio de Cultura, na súa carreira profesional tamén sobresae a súa traxectoria como profesor universitario ou a dirección de institucións como o Círculo de Bellas Artes de Madrid e do Instituto Cervantes. Entre os numerosos recoñecementos que ten recibido, atópanse as máis altas condecoracións de España, Francia, Italia, Portugal e Chile, así como a Medalla Castelao de Galicia.
 
Román Rodríguez subliñou que agora o seu nome súmase aos doutras personalidades do mundo da cultura cuxas coleccións forman parte do arquivo fotográfico da Filmoteca de Galicia, como é o caso de Julio Cortázar, Fernando Iglesias Sánchez “Tacholas”, Enrique Líster ou Camilo Díaz Baliño.
 
Na actualidade, o CGAI atesoura unhas 40.000 fotografías de numerosas procedencias, que se conservan xunto con 3000 copias de filmes en celuloide, 7700 en vídeo e 9100 carteis. Tamén no marco do seu labor de recuperación e conservación do patrimonio audiovisual galego, ten promovido medio centenar de exposicións fotográficas e na súa sede da Coruña dispón dunha mediateca de 8500 títulos en dvd ou blue-ray, así como dunha hemeroteca con 15.000 referencias.
 
De feito, o Centro Galego de Artes da Imaxe é unha das 120 filmotecas de 65 países que integran a Federación Internacional de Arquivos Fílmicos como parte dunha rede global de asistencia técnica e de intercambio de información.
 
Ciclo arredor de ‘Tan poderosos como el amor’
Neste acto, Román Rodríguez adiantou que a recoñecida afección cinematográfica de César Antonio Molina será, ademais, obxecto dun dos ciclos do CGAI, que a partir do vindeiro mes de febreiro proxectará na súa sala da Coruña una decena de filmes.
 
O fío condutor deste programa será a publicación do último libro do autor, Tan poderoso como el amor, no que reflexiona sobre o amor, a vida e a morte a través dun percorrido por máis dun centenar de películas desde o cine mudo ata os nosos días. A presentación do libro na filmoteca galega por parte do propio César Antonio Molina será o punto de partida do devandito ciclo cinematográfico.