FEST Galicia
FEST Galicia é a marca creada pola Xunta en 2018 para promocionar o territorio galego como destino musical, baixo criterios de calidade e sustentabilidade. Acolle festivais que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegar valores engadidos á experiencia musical. E faino a través de todo o que transmiten, tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización.
Adhesión á marca
[12/05/2025] A Axencia Galega das Industrias Culturais acaba de lanzar a nova convocatoria de adhesión á marca FEST Galicia cara á formalización dos correspondentes contratos de patrocinio co obxectivo de difundir a imaxe de Galicia vinculada aos festivais de música organizados por entidades privadas:
- Convocatoria 2025
-
- Dotación: 350.000 euros
- Requisitos xerais:
- Cumprir a normativa básica en materia de espectáculos públicos e demais lexislación aplicable.
- Estar adheridos anteriormente a FEST Galicia.
- Celebrarse entre o 15 de xuño e o 30 de setembro de 2025, ambos os dous días incluídos.
- Poñer á venda ao público xeral, conforme prezos de mercado, un mínimo do 95% da súa capacidade.
- Ter un orzamento de execución na edición do ano 2024 superior aos 100.000 euros, máis o IVE.
- Programar un mínimo de catro artistas de Galicia.
- Estar adherido ao programa Carné Xove da Xunta de Galicia.
- Estar promovido por unha empresa privada.
- Condicións de adhesión e dos contratos de patrocinio: DOG nº 89, do 12 de maio de 2025
- Prazo de solicitude: do 13 de maio ao 2 de xuño de 2025
Obxectivos
- Situar os festivais galegos como un produto cultural e turístico capaz de atraer visitantes.
- Proxectar Galicia como destino musical.
- Promover os festivais galegos dentro e fóra da Comunidade.
- Poñer en valor a industria musical.
- Promover bandas e artistas de Galicia.
- Vertebrar o territorio desde a sustentabilidade social e medioambiental.
- Favorecer boas prácticas que sirvan como referencia para o sector.
- Manter un diálogo permanente co sector.
- Coordinar todos os departamentos da Administración galega relacionados con calquera dos ámbitos que abarca cada festival: turismo, xuventude, igualdade, medioambiente, calidade...
Informes de impacto
Nos inicios do seu lanzamento como marca, FEST Galicia realizou informes de impacto económico nos festivais adheridos co obxectivo de obter datos sobre o retorno directo, indirecto e inducido que estes eventos xeran en cada territorio. Tamén se mediu o impacto comunicativo e social dos eventos, así como o perfil das persoas que asisten a cada festival. As medicións foron desenvolvidas en 2018 e 2019 por un equipo consultor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) integrado por varias persoas expertas no ámbito. Estes informes de avaliación serviron como punto de partida para traballar sobre medidas que incentiven a sustentabilidade social e medioambiental que a marca promove.
Manual de uso da marca
Os logotipos oficiais da marca FEST Galicia seguen as pautas de arquitectura de marcas institucionais conforme ao Manual de Identidade Corporativa da Xunta de Galicia.