Pedro e o lobo
Fantoches Baj

Os pais de Pedro, incapaces de conseguir que o avó Isolino vaia vivir con eles para a cidade, envíanlle nas vacacións ao neto para que coide un pouco del. Para Pedro saír da cidade e ir pasar uns días co seu avó, que vive en Montefurado nun vagón ao pé da vía, significará unha grande aventura. Pero, descoñecedor dos códigos da aldea, meterase en problemas co lobo, ao que con valor, astucia e a axuda involuntaria dun gato, conseguirá cazar. Finalmente o seu plan de levar o lobo ao zoo da cidade vérase desbaratado por Mariola, quen o convence da necesidade de respectar os ecosistemas e de ceibar de novo o lobo na fraga.
A acción transcorre nun contexto ferroviario entre o bosque, onde viven o paporrubio e o lobo, e a estación abandoada de Montefurado, onde viven Antón, o cazador, Mariola e o gato. Nun punto intermedio, nun vagón restaurado como vivenda, vive o avó Isolino coa súa pata. Pedro percorrerá todos estos espazos nunha continua descoberta e nunha relación de ti a ti cos seres da natureza.
Os raíles da vía serven para o movemento da escenografía, xerando un movemento da paisaxe que recorda ao travelling cinematográfico.
A técnica de monicreques de manipulación a vista permítenos mesturar os papeis de personaxe, narrador e manipulador conferindo dinamismo a acción e unha relación directa co público.
A música de Benxa Otero, feita expresamente para este espectáculo para unha formación de banda sinfónica, axudanos a entrar na vida interior de Pedro. O medo, a alegría e a contemplación son tres das emocións máis características desta historia.