Ictus (Anatomía de 'A derradeira leición' de Castelao)
Un espectáculo teatral a cargo de Grupo Chévere
ICTUS (ANATOMÍA DE 'A DERRADEIRA LEICIÓN' DE CASTELAO) é o novo proxecto de Chévere en coprodución co Centro Dramático Nacional.
Unha obra sobre a memoria, sobre a relación que existe entre boa memoria e boa democracia e sobre os traumas sen resolver coa nosa memoria histórica. Unha obra que usa como fío condutor o cadro titulado “A derradeira leición do mestre”, que é a derradeira pintura que Castelao asina no exilio, cando xa estaba case cego. A obra de Chévere propón unha viaxe inversa á procura da memoria do cadro, desde o acto de recepción que lle organiza o goberno galego cando chega por primeira vez a Galicia no 2018 para protagonizar unha exposición sobre a educación, ata o acto en memoria de Alexandre Bóveda no que se presenta en público por primeira vez no Centro Ourensán de Bos Aires (Arxentina) o 17 de agosto de 1945, noveno cabodano do fusilamento de Bóveda polos militares golpistas, declarado Día dos Mártires de Galicia pola colectividade galega desterrada. Unha viaxe escénica para entender como se constrúen as narrativas da memoria.
Chévere argalla un dispositivo documental no que se cruzan as voces de numerosas testemuñas, para mirar a historia desa memoria colectiva traumática a través do espello dunha historia persoal. A historia dunha muller que sufre alteracións e perda da memoria por un dano cerebral adquirido, causado por un ictus que lle dá durante o acto de recepción do cadro de Castelao celebrado na Cidade da Cultura.
ACCESIBILIDADE: esta obra conta con intérpretes de lingua de signos (LSE) en escena e audiodescrición en directo.
Ficha artística
Autoría: Chévere
Dirección: Xron
Escenografía, vestiario, coreografía e música: Chévere
Deseño son: Xacobe Martínez Antelo
Deseño iluminación: Fidel Vázquez
Elenco artístico: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Borja Fernández
2 intérpretes de lingua de signos