A Xunta reforza a segunda edición de Conecta FICTION cun festival de series televisivas aberto ao público
O único encontro internacional dedicado en exclusiva á coprodución de ficción para televisión entre América Latina, Estados Unidos e Europa presentou hoxe en Madrid as principais novidades da cita que terá en Santiago do 18 ao 21 de xuño
O prazo de acreditacións e de presentación de proxectos ao pitching internacional comeza o xoves 15 de febreiro
Así, o acto de presentación, celebrado no Flagship Telefónica Auditorio de Madrid, contou coa presenza de Jesús Oitavén, secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), así como de Javier Sierra, director xeral de Internacionalización da Empresa de ICEX, Inés París, presidenta da Fundación SGAE, e Ismael Calleja, do equipo de Produción Orixinal de Movistar+, ademais de Géraldine Gonard, CEO da produtora Inside Content e directora de Conecta FICTION.
Eixos do evento
Gonard foi a encargada de dar a coñecer as liñas mestras de Conecta FICTION 2, recordando como eixos fundamentais do evento o networking online continuado ao longo do ano ou a especial atención prestada ao talento de escritores e guionistas para poñelo en contacto directo con produtores e potenciais socios desde a orixe dos proxectos.
A principal novidade será a incorporación do Conecta FICTION FEST, un contedor de series de televisión que relacionará a industria cos espectadores e que colocará a televisión no calendario cultural galego mediante actividades de proxección dirixidas á audiencia xeral. A protagonista do FICTION FEST deste ano será, de forma monográfica, a produción de Movistar+.
Aposta polo audiovisual galego
En representación da Xunta de Galicia, Jesús Oitavén situou o evento no marco do "extraordinario nivel" do panorama do audiovisual galego, sector ao que se referiu como "moderno e competitivo". Destacou, neste sentido, que no ámbito da Comunidade traballan máis de 30 compañías dedicadas á produción de cine e televisión, cun emprego directo de 2.500 traballadores, e que Galicia é a terceira Administración autonómica de España que destina maior número de incentivos ao audiovisual, ademais de levar a cabo unha clara aposta pola internacionalización.
Apelou tamén á privilexiada situación xeográfica galega como ponte entre América e Europa, e aos logros xa acadados coa pasada primeira edición para afrontar Conecta FICTION 2018. "O negocio xira arredor do contido, que é o gran protagonista, nun momento no que as transaccións comerciais se dan na fase máis inicial do proxecto audiovisual porque os modelos actuais así o demandan. Nesta industria compiten as ideas, alguén as crea e alguén as necesita. E nós tratamos de facilitar o contexto e as ferramentas de traballo máis adecuadas para que estas propostas cheguen a materializarse", expresou, ao tempo que marcou como reto que o encontro figure xa como cita imprescindible dentro do circuíto internacional de eventos profesionais.
Encontro profesional no Gaiás
A parte máis profesional de Conecta FICTION será a que se desenvolva no Gaiás, onde se instalarán catro áreas de actividade diferenciadas: Caixa de Ficción, para reunións acordadas previamente pola plataforma online; Zona Conferencias, dedicada a paneis e casos de estudo; Zona Pitchings, para a celebración dunha sesión internacional con 10 proxectos seleccionados de América e Europa e outra sesión específica sobre o talento español con proxeccións procedentes do laboratorio da Fundación SGAE; e Zona Screenings, na que se ofrecerán proxeccións de series e miniseries con acceso exclusivo para acreditados.
A presentación serviu para anunciar os membros do comités editorial e asesor de Conecta FICTION, así como os prazos para formalizar as acreditacións e para presentar proxectos ao pitching internacional. Este último ábrese do 15 de febreiro ao 16 de abril. Tamén se avanzou que, se o ano pasado Arxentina foi o único país de honra, neste 2018 está previsto incrementar esta atención especial a outros dous territorios.