Share

O catálogo 'Films from Galicia' dá conta da actual produción audiovisual con 43 novos títulos

A publicación, editada pola Agadic, reúne información tanto de longas cinematográficas como de produtos televisivos rematados ou en proxecto, dos que 27 reciben apoio da Xunta a través das diferentes liñas de subvencións ao sector

Distribuirase entre os profesionais asistentes aos principais mercados internacionais de cine e televisión, ademais de apoiar a súa difusión cun vídeo promocional

O catálogo 'Films from Galicia' dá conta da actual produción audiovisual con 43 novos títulos

A Agadic acaba de publicar o catálogo Films from Galicia 2018, co obxectivo de lle dar difusión ás novas producións do audiovisual galego nos principais mercados internacionais do sector. Esta edición ofrece información sobre 43 novos títulos de cinema e televisión que veñen de finalizar a súa produción recentemente ou aínda en fase de proxecto.
Tal e como se recolle no catálogo, editado en inglés, 27 destes traballos contaron, así mesmo, co apoio económico da Agadic mediante as diferentes liñas de axuda incluídas no seu programa anual de subvencións ao audiovisual galego.
 
Como en anos anteriores, Films from Galicia estrutúrase en catro grandes bloques. No caso de Pics, recompila 16 longametraxes de ficción, das que nove se atopan en diferentes etapas do proceso de produción e preprodución. Trátase dos próximos traballos dos directores Rafael de los Arcos, Pedro C. Alonso, Jaione Camborda, Paula Cons, Jorge Coira, Eloy Enciso, Chema Gagino, Oliver Laxe e Paco Plaza. No apartado de longas xa rematadas, atopamos os títulos cinematográficos que obtiveron maior número de candidaturas aos próximos Premios Mestre Mateo (Dhogs, de Andrés Goteira, con 17; A estación violenta, de Anxos Fazáns, con 8; e Trinta lumes, de Diana Toucedo, con cinco) xunto con La sombra de la ley, de Dani de la Torre; Nocturno: fantasmas de mar en puerto, de Álvaro Fernández-Pulpeiro; Tempo vertical, de Lois Patiño, e Trote, de Xacio Baño.
 
Once documentais
Pola súa banda, a sección Docs reúne seis longas documentais xa rematadas e cinco en proxecto. Cómpre salientar aquí a variedade de temáticas e facturas destes títulos, asinados por Simón Casal, Ruth Chao, Paula Cons, Antón Corbal, Antón Díaz Huerta, Heidi Hassan e Patricia Pérez, Ángeles Huerta, Belén Montero e Juan Lesta, Simone Saibene e Diana Toucedo.
 
No apartado de Toons, atópanse catro creacións de animación: as longas Memorias de un hombre en pijama e Unicorn Wars, o novo traballo do director e ilustrador Alberto Vázquez, así como as series televisivas Colorics e Dinogames.
 
Por último, o apartado TV dedícase a oito obras de ficción televisiva (Os fillos do sol, Juana de Vega, vizcondesa do arado; Camiños de irmandade, Contou Rosalía, Vidago Palace, Viradeira, Hierro e As crisálidas) e a catro formatos de programas de entretemento (O sal da terra, Historias mínimas, A vida é doce e Casamos!).
 
Programa de internacionalización
O catálogo, acompañado dun vídeo promocional subido xa á canle da Agadic en YouTube, comezará a distribuírse no European Film Market, que se desenvolve en Berlín a partir do día 15 en paralelo ao festival internacional de cine. Ata alí desprazarase unha delegación institucional e comercial galega, organizada dentro do programa de internacionalización audiovisual que a Agadic mantén co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
 
A visión do sector audiovisual galego que ofrece Films from Galicia complétase co catálogo Shorts from Galicia, cuxa nova entrega comezou a distribuírse a semana pasada no encontro francés de Clermont-Ferrand. A publicación, dirixida prioritariamente aos programadores dos festivais especializados en curtametraxes, inclúe información e o acceso profesional á visualización dos seis traballos seleccionados en 2018: Buenos días, España, de Sara Pisos; Matria, de Álvaro Gago; Plus Ultra, de Helena Girón e Samuel M. Delgado; La mujer invisible, de Noemi Chantada; El reloj, de Borja Santomé; e Rapa das bestas, de Jaione Camborda.

-Films from Galicia (catálogo)
-Films from Galicia (vídeo promocional)
-Shorts from Galicia