Share
Cultura

A Xunta reforza o circuíto galego de festivais de artes escénicas con 280.000€ en subvencións a 13 certames

Forman parte desta convocatoria Danza no Claustro, en varios concellos ourensáns; Desfoga, en Cambados; Festaclown en Vilagarcía; Festival de Títeres de Redondela; FIOT, en Carballo; FITO, en Ourense; Galicreques e Imperdible en Santiago; MITCFC, en Cangas; Mostra de Teatro de Cariño; Sacra Festival, en Chantada; Singular, en Narón e Titiriberia, en Rianxo

Apóiase o papel destas citas como dinamizadoras culturais e polos de atracción turística, ademais de como escaparate para espectáculos galegos

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste este ano 280.000 euros en 13 mostras estratéxicas dentro do circuíto galego de festivais de artes escénicas, ao abeiro da convocatoria de subvencións para a súa organización profesional por parte de concellos ou de entidades privadas.

A resolución, publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, reflicte a ampla variedade de disciplinas, xéneros e estilos que abranguen os certames subvencionados, que na meirande parte dos casos sobresaen tamén pola súa lonxeva traxectoria. É o caso, por exemplo, dos tres que se sitúan á cabeza en canto aos importes adxudicados: 49.638€ para a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), que vén de pechar a súa 42ª edición; 49.140 euros para o 34º Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, e 42.368 euros para o 30º Festival Internacional Galicreques de Santiago de Compostela.

Séguenlles o 26º Festival Internacional de Títeres de Redondela Memorial Juanjo Amoedo, que recibe 23.113 euros para a programación desenvolvida o pasado mes de maio, así como o Titiriberia Festival de Títeres Tradicionais de Rianxo e o Singular Festival Internacional do Monólogo Teatral de Narón, que contan en cada caso cunha axuda de máis de 20.500 euros para a celebración do seu 10º aniversario.

Completan a listaxe de o 18º Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), con 17.365€; o 10º Festaclown de Vilagarcía de Arousa, con 14.633€; o V Imperdible Festival Internacional de Improvisación Teatral de Santiago de Compostela, con 14.060€; o sétimo Sacra Festival de Chantada, con 13.209€; o sexto Festival Desfoga de Cambados, con 7.504€; a 47ª Mostra de Teatro Galego de Cariño, con 4.466€, e a 13ª edición de Danza no Claustro, en diferentes concellos da provincia de Ourense, con 3115 euros.

Desde a súa primeira convocatoria en 2012, a dotación desta liña de subvencións mantén unha progresiva tendencia á alza, especialmente nos últimos anos, cun aumento superior ao 47% desde 2020. Este reforzo económico busca impulsar a consolidación dun circuíto galego de festivais profesionais de artes escénicas, que funcionan como dinamizadores culturais e polos de atracción turística nas súas respectivas contornas.

Outro dos obxectivos destas axudas é favorecer a contratación artística, co foco posto nas compañías galegas do sector. Así, entre os requisitos esixidos nas bases, establécese que cando menos un 30% do orzamento destinado a este fin debe investirse en formacións compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade profesional en Galicia.

Esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, compleméntase cos convenios de colaboración subscritos con outros dous destacados certames galegos, que darán comezo a vindeira semana: a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e o festival itinerante Abanea de danza e movemento.


  • Imaxe, espectáculo Enredos, de A vela circo na última edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas