Share

As axudas da Xunta ao talento audiovisual distribúen 176.000 euros entre 11 curtas e longametraxes

Publícase a concesión da convocatoria de 2025, a través da que se apoia a realización de seis obras en formato curto, a posprodución doutras dúas e a produción de tres longametraxes de dirección novel, todas elas en versión orixinal galega

A Xunta de Galicia acaba de resolver a concesión da súa convocatoria anual de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento galego, a través da que inviste 176.000 euros en 11 novas curtas e longametraxes en versión orixinal galega. As diferentes contías outorgadas destinaranse á realización de seis novas curtametraxes con 8000 euros por proxecto, á posprodución doutras dúas que reciben 4000 euros en cada caso e á produción de tres películas en formato longo, con 40.000 euros cada unha.

As tres longametraxes subvencionadas son Lección de botánica, de Xiana do Teixeiro e presentada por Animala Estudio Audiovisual, que xa contou cunha axuda anterior para o desenvolvemento da súa preprodución; Os Salmos, de Pablo Dopazo e con Anna Kulyk na produción; e Almas ao unísono, de Pablo Gómez Sala e Sara Blas Bolonio con Madre Films.

As curtas en proxecto que contan con axuda para a súa produción son Acusgramas e transgrafías, de Belén Cordero Rodríguez; Pedras, de Martín Romero Outeiral; Auras. Visións de cegueira, de Nela Fraga Rivas; Viaxe ao infinito, de David Fidalgo Omil; Ardente Garañón, de Anxo Soilán Lage, e A segunda man, de Alba Domínguez Serén. En canto ás curtas xa en fase de construción, os títulos seleccionados son Quintana Martelo, de Martela Films, e Plumass, de Cru Producións.

A súa concesión atendeu a criterios de calidade e creatividade dos proxectos, viabilidade cinematográfica ou contribución cultural. No caso das propostas de posprodución de curtas e de produción de longametraxes, valorouse tamén o potencial de circulación das películas, así como o seu plan de lanzamento e de difusión.

A convocatoria da Xunta de Galicia para a promoción do talento audiovisual é unha das liñas máis lonxevas das que se convocan no seu ámbito a nivel autonómico coa finalidade de favorecer a incorporación da nova creación ao sector profesional. A través delas, búscase dinamizar a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico e o enriquecemento cultural de Galicia, ao tempo que se facilita a función do audiovisual como instrumento para a promoción da lingua galega.



  • Imaxe: Lección de botánica, de Xiana do Teixeiro