Share

A Xunta pon en marcha o programa de subvencións ao audiovisual galego de 2026 coas convocatorias para a organización de festivais e a promoción do talento

A dotación para os certames do sector ascende a 310.000 euros, cun incremento do 3,3 % respecto á de 2025, mentres que a destinada á realización de curtametraxes e longas noveis conta cun investimento de 176.000 euros para 11 novas fitas

O Consello da Xunta autorizou hoxe as dúas primeiras convocatorias do programa de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao sector audiovisual galego para 2026, que arranca coas destinadas a cofinanciar a organización profesional de festivais e a promover o talento audiovisual. A liña para certames audiovisuais dótase en 2026 con 310.000 euros, un 3,3 % máis que en 2025, continuando así coa tendencia ascendente que esta vía de apoio vén experimentando desde a súa creación en 2014.

A través dela, o Goberno galego contribúe á estabilidade do circuíto galego de festivais audiovisuais de carácter profesional que, polas súas características, teñen un interese estratéxico para o sector. O importe máximo da axuda por evento subvencionado ascende a 50.000 euros.

Poden solicitar estas subvencións tanto persoas físicas e xurídicas privadas como entidades locais organizadoras de festivais, certames, semanas ou mostras que conten cunha duración mínima de catro xornadas e, cando menos, 20 proxeccións, ademais de ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores. Ademais, a proposta de programación dos eventos debe conter un cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas, entre outros requisitos.

Precisamente a promoción do talento galego é o principal obxectivo das subvencións á creación audiovisual, unhas das máis antigas e consolidadas do programa autonómico de axudas ao sector. En 2026, manteñen a súa dotación de 176.000 euros para contribuír á materialización de 11 novas curtas e longametraxes en versión orixinal galega e favorecer, así, a incorporación da nova creación ao sector profesional.

Con este investimento, apoiarase a realización de seis novas curtametraxes (modalidade A1) con 8000 euros por proxecto, a posprodución de dúas curtas (modalidade A2) con 4000 euros cada unha e a produción de tres longametraxes de dirección novel (modalidade B) con 40.000 euros por película.

Poderán solicitalas persoas físicas a cargo da dirección das fitas no caso da modalidade A1 e produtoras audiovisuais (empresas ou autónomos) nas outras dúas categorías.