A Xunta reformula o apoio á música ao vivo nas salas galegas cunha nova convocatoria bienal de axudas
Investiranse 400.000 euros nestas subvencións bienais para a programación de concertos nas salas galegas, que a partir de agora deberán ser solicitadas polas empresas promotoras ou organizadoras dos directos
Búscase promover unha maior profesionalización na xestión destes fondos públicos e incentivar a coordinación entre os axentes do sector neste ámbito
O Consello da Xunta deulles o visto e prace ás novas bases das subvencións bienais para proxectos de programación musical nas salas privadas, que reformulan varios aspectos deste apoio público co fin de incentivar a coordinación e implicación de todos os axentes do sector —empresas promotoras, salas e artistas— no impulso profesional da música ao vivo galega e en Galicia, máis alá dos eventos de gran formato.
A convocatoria correspondente aos anos 2026 e 2027 conta cun investimento de 400.000 euros e establece unha serie de cambios relevantes respecto ao tipo de entidades beneficiarias e ás características das programacións subvencionables, en resposta ás necesidades transmitidas polos principais colectivos profesionais implicados neste ámbito, con que se consensuou esta reformulación.
As solicitantes destas axudas tramitadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais, que anteriormente recaían nas propias salas, deben ser agora empresas galegas que promovan servizos no ámbito da música ao vivo, incluíndo promotoras, managers, axentes e organizadoras de eventos, para o desenvolvemento de programacións de concertos de carácter profesional en salas privadas da Comunidade nos anos 2026 e 2027. Estas carteleiras deben constar dun mínimo de 10 actuacións en cando menos cinco destes locais e tres provincias.
Ata 50.000 euros por proxecto subvencionado
Esta liña diríxese exclusivamente á organización de ciclos de concertos nas salas privadas galegas, para os que cada entidade subvencionada poderá contar cunha achega de ata 50.000 euros.
Entre os puntos destacados das bases que se publicarán proximamente no Diario Oficial de Galicia, sobresaen, así mesmo, o impulso da música galega e a presenza feminina nestes carteis, o establecemento dun caché artístico mínimo de 250 euros, a limitación para as promotoras solicitantes de non presentar unha programación con máis dun 20 % de formacións musicais da súa axencia ou o foco nos novos talentos, que deberán conformar o 20 % da proposta.