Share

As pandeireteiras do colectivo vigués O Fiadeiro actúan no Museo do Mar de Galicia como novidade do ciclo ‘Danza 3’

  • A cita terá lugar mañá nos exteriores do recinto museístico de Vigo para contribuír á homenaxe que as Letras Galegas lle renden á poesía popular oral
  • A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promove ata outubro 21 actuacións de música e baile tradicionais nas catro provincias en colaboración coas agrupacións Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos
  • Participan nesta 13ª edición as localidades de Bande, Boqueixón, Cee, Covelo, Culleredo, A Estrada, Melide, Moaña, Negreira, Ortigueira, Poio, Ramirás, Ribadavia, Rianxo, Vedra, Vigo, Vilalba, Vilanova de Arousa, Vimianzo, Viveiro e Zas

O recinto do Museo do Mar de Galicia, en Vigo, acolle mañá venres ás 19,00 horas a actuación do grupo de pandeIreteiras da formación O Fiadeiro, nunha cita con acceso gratuíto que forma parte de Danza 3, o ciclo promovido pola Xunta de Galicia e o devandito colectivo vigués xunto con Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela e Xacarandaina da Coruña. A iniciativa, que chega este ano á súa décimo terceira edición difundindo a danza e a música tradicionais de Galicia, incorpora concertos de tocadoras de pandeireta en homenaxe á poesía popular oral representada polas cantareiras, ás que en 2025 se lles dedican as Letras Galegas.

A programación de Danza 3, que comezou o pasado 6 de abril co espectáculo de baile de Cantigas e Agarimos en Vedra e continuou o 18 de maio con O Fiadeiro en Boqueixón, desenvolverase ata o mes de outubro visitando un total de 21 concellos das catro provincias con cadansúa cita coa cultura popular galega, a maior parte delas en localizacións exteriores e formatos que facilitan o encontro do público.

Bande, Cee, Covelo, Culleredo, A Estrada, Melide, Moaña, Negreira, Ortigueira, Poio, Ramirás, Ribadavia, Rianxo, Vigo, Vilalba, Vilanova de Arousa, Vimianzo, Viveiro e Zas completan a relación de localidades participantes nesta edición de Danza 3, que se leva a cabo no marco dun convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e a federación XOC, que aglutina as devanditas agrupacións culturais, e en recoñecemento ao labor de recuperación e difusión patrimonial que realizan coa súa intensa actividade de formación e exhibición neste eido.

Sete actuacións para cada colectivo

Tras a función de mañá en Vigo, Danza 3 continuará en xuño con dúas actuacións o domingo 29 que levarán unha formación musical do Fiadeiro á Ermida de Covelo ás 18,00 h. e o grupo de pandeireteiras de Xacarandaina á Igrexa da Madalena, en Ribadavia, ás 20,00 h.

Xa no mes de xullo, O Fiadeiro actuará en Ramirás (praza de San Andrés de Vilavidal, día 5) e en Bande (complexo arqueolóxico de Aquis Querquennis, día 27); Xacarandaina en Zas (percorrido polas rúas de Baio, día 11) e Viveiro (por concretar localización, día 19) e Cantigas e Agarimos en Negreira (praza do Concello, día 13), Poio (praza da Chousa de Combarro, día 26) e Rianxo (praza Castelao, día 27). O calendario de actividade prolongarase durante todo o verán e rematará o 18 de outubro, coa visita de Xacarandaina a Culleredo.

Cada unha das tres formacións participantes realizará sete actuacións nos distintos concellos, catro delas centradas no repertorio de danza, dúas musicais e unha protagonizada polos grupos de pandeireteiras de cada agrupación.

Por 13º ano consecutivo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, renova a súa colaboración coa federación XOC para que a nosa cultura tradicional saia ao encontro da cidadanía e continuar impulsando a proxección social do rico patrimonio inmaterial que atesouran a música e a danza populares de Galicia. Deste xeito, promóvese tamén o labor de investigación, conservación, formación e divulgación arredor do noso folclore que leva a cabo este tipo de agrupacións, en liña, ademais, coa incoación do expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da música e o baile tradicionais galegos, iniciado pola Xunta o pasado 25 de novembro de 2024.