Share

A Xunta renova a colaboración coa asociación Escena Galega a prol da dinamización profesional do sector

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, aborda co colectivo o desenvolvemento das liñas de traballo común e iniciativas conxuntas

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse coa asociación empresarial Escena Galega para valorar o avance das liñas de traballo en común recollidas no convenio subscrito anualmente entre a entidade da Xunta de Galicia e o colectivo escénico co obxectivo de desenvolver un amplo programa de dinamización profesional e sectorial.

O documento, en virtude do que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste 28.000 euros nesta iniciativa, recolle o proxecto Acompaña, de acompañamento profesional e consultaría para as compañías asociadas en moi diferentes áreas, así como accións de asesoramento legal e en cuestións sectoriais de ámbito estatal. Inclúense, ademais, a comunicación e difusión cultural da súa actividade, a dinamización sectorial mediante a asistencia a feiras e foros de negocio, a quinta edición da xornada de venda e promoción escénica para profesionais da programación cultural de Galicia e do norte de Portugal ou a terceira edición dos Recoñecementos Escena Galega, entre outras actividades.

Rocío Salgado Pérez e Diego V. Meizoso, secretaria e xerente de Escena Galega, respectivamente, asistiron a esta xuntanza, na que se abordaron, así mesmo, outras iniciativas que desenvolven conxuntamente a Xunta de Galicia e a devandita asociación. Entre elas, a 12ª edición do mercado Galicia Escena PRO, celebrado a semana pasada en Santiago de Compostela con 21 funcións de teatro, danza e circo, 12 presentacións de proxectos, máis de 500 reunións profesionais, dúas mesas redondas, un concerto e a participación de máis de 220 profesionais das artes escénicas de Galicia e do resto da península.

Con 23 anos de traxectoria, Escena Galega está integrada na actualidade por máis de 60 compañías e produtoras de teatro, circo contemporáneo e danza e artes do movemento, cun incremento no número de empresas asociadas de máis do 40% nos últimos catro anos. Este crecemento sitúa a asociación como o colectivo de referencia para o sector profesional das artes escénicas na nosa Comunidade.