A Xunta ofrece máis de 30 actuacións escénicas na cidade de Vigo ata xuño través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
O circuíto retoma esta fin de semana a actividade programada en colaboración co concello
Os espectáculos de teatro, danza e novo circo previstos desenvolveranse no Auditorio Municipal con dobres funcións de todos eles
As estreas Soga e cinsa de Aporía Escénica, e Anxos abandonados en mosaicos despois do combate, de Anómico Teatro, abren a programación en febreiro
A Xunta promove ata xuño 34 actuacións escénicas na cidade de Vigo no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). As funcións de teatro, danza e novo circo, organizadas en colaboración co concello, desenvolveranse no Auditorio Municipal. A carteleira con todas as funcións e horarios pódese consultar na Axenda de Cultura de Galicia e no apartado correspondente da web da Agadic.
Así, hoxe venres e mañá sábado chega a estrea Soga e cinsa, de Aporía Escénica, obra beneficiaria do programa de axudas á creación escénica da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic). Horror, humor, reflexión, plasticidade e emoción son as apócemas deste conxuro teatral que aborda a caza de bruxas para facer visible o xenocidio que supuxo e a súa conexión co desenvolvemento do sistema capitalista.
A semana vindeira tamén haberá funcións o venres 26 e o sábado 27, con outra estrea, Anxos abandonados en mosaicos despois do combate, de Anómico Teatro, unha realización escénica que ten como obxectivo principal investigar sobre a capacidade da palabra para xerar significantes cun alto grao de suxestión. O domingo 28, as dúas funcións van dirixidas ao público familiar, con Riquete el del copete, de Higiénico Papel Teatro.
Xa en marzo, segundo a programación prevista, a Companyía La Tal exhibirá a obra Italino Grand Hotel o día 7, con dúas funcións para a cativada. Os días 12 e 13 chegará outra estrea, 32m2, de ButacaZero, tamén beneficiaria do programa de axudas á creación escénica da Agadic; e o 14, La Canica, con dúas funcións de Orfeo, dirixida a público familiar. Os días 19 e 20 o público poderá gozar de O mozo da última fila, de Redrum Teatro, e o 21 será novamente para o público familiar, con dobre función da estrea Semente. O home que plantaba árbores, de Eme2 emoción&arte. O novo circo chegará ao Auditorio Municipal os días 26 e 27 de marzo, con Celestina la trágiCLOWNmedia, de La Escalera de Tijera. O 28 deste mes, Rilo&Penadique ofrecerá dúas funcións de Arrerrú, para os máis pequenos.
O mes de abril arrancará con SÓS, de Malasombra, os días 9 e 10. Seguiranlle as representacións de A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, o 16 e 17; e Onde viven os monstros, de Os Náufragos, con dobre función para público familiar o día 18. Este mes finalizará con danza, cos espectáculos Pink Unicorns, de La Macana, os días 23 e 24; Nina Ninette, de Paula Quintas da compañía Traspediante, con dúas funcións para os máis pequenos o día 25; e Leira, da compañía Nova Galega de Danza, o día 30 de abril e o 1 de maio.
A programación deste primeiro semestre inclúe tamén unha dobre función de A gran viaxe, de Inventi teatro, da que está pendente determinar a data.
Máis de 300 actuacións en 40 concellos
Deste xeito, a Rede Galega de Teatros e Auditorios retoma a actividade, suspendida nas últimas semanas por mor das restricións da covid-19, como programa cultural máis intenso e extenso de todos os promovidos pola Xunta. Cómpre salientar que a programación total deste primeiro semestre ofrece máis de 300 actuacións musicais e escénicas en 40 concellos da Rede, coa participación de 110 formacións artísticas profesionais. Mobilízanse así contratacións por un valor aproximado dun millón de euros, cofinanciados entre a Xunta e os concellos asociados.
[Na imaxe, A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro]