Share

A Xunta ofrece cinco actuacións escénicas en Monforte ata xuño través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

O circuíto retoma mañá a actividade programada en colaboración co Concello

‘O mel non caduca’, de Ibuprofeno Teatro, abre a programación, que se desenvolverá no Edificio Multiusos

A Xunta ofrece cinco actuacións escénicas en Monforte ata xuño través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

A Xunta promove ata xuño cinco actuacións escénicas en Monforte de Lemos, no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). As funcións de teatro organizadas en colaboración co concello desenvolveranse no Edificio Multiusos. A carteleira con todas as funcións e horarios pódese consultar na Axenda de Cultura de Galicia e no apartado correspondente da web da Agadic.

 

Así, mañá terá lugar a representación de O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro. A obra xira arredor da obsolescencia programada, da relación do ser humano cos obxectos e da degradación do planeta.

Xa en marzo, o día 11 exhibirase Macbeth. O ruído e a furia, de Estudo Momento. A compañía ofrece unha traxedia entretida e popular, con atmosferas de néboa, chuvia, escuridade e misterio, versos de terra, vento e sangue, e meigas que se transforman en feiticeiras retranqueiras. O 25 dese mes será a quenda de De Ste Xeito, con Feminíssimas, unha creación colectiva coa amizade como fondo e o feminismo como forma.

O día 22 de abril está prevista a representación de A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, na que o espectador será testemuña do proceso de aprendizaxe que emprende o protagonista da man do mestre de escola, así como da traxedia que supuxo vivir con medo e do cru impacto do estoupido dunha guerra civil. Finalmente, o 27 de maio, chegará O mozo da última fila, de Redrum Teatro, unha reflexión sobre a necesidade de contar historias, a fascinación polas vidas alleas e a lexitimidade da creación artística.

Máis de 300 actuacións en 40 concellos
Deste xeito, a Rede Galega de Teatros e Auditorios retoma a actividade, suspendida nas últimas semanas por mor das restricións da covid-19, como o programa cultural máis intenso e extenso de todos os promovidos pola Xunta. Cómpre salientar que a programación total deste primeiro semestre ofrece máis de 300 actuacións musicais e escénicas en 40 concellos da Rede, coa participación de 110 formacións artísticas profesionais. Mobilízanse así contratacións por valor aproximado dun millón de euros, cofinanciados entre a Xunta e os concellos asociados.