Share

A Xunta intensifica a colaboración coas 'Residencias Paraíso' para apoiar oito novos proxectos de danza e artes vivas

A Consellería de Cultura contribúe con 34.000 euros á organización deste programa, impulsado polo Colectivo RPM coa implicación de nove espazos culturais, entre os que se atopan a Cidade da Cultura de Galicia e o Salón Teatro de Santiago

O 15 de marzo finaliza o prazo de solicitude para participar neste iniciativa, que celebrará o seu encontro anual os días 24 e 25 de setembro na Illa de San Simón

A Xunta intensifica a colaboración coas 'Residencias Paraíso' para apoiar oito novos proxectos de danza e artes vivas

A Xunta de Galicia intensifica este ano o seu apoio ao programa Residencias Paraíso do Colectivo RPM, que acaba de abrir ata o 15 de marzo o prazo de solicitude da súa quinta edición para a selección dun máximo de oito proxectos de danza e artes vivas. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade é a principal patrocinadora desta iniciativa, cunha achega de 34.000 euros.
Esta última súmase en 2021 á nómina de espazos culturais que acollen estas residencias artísticas e da que tamén forma parte o Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela. O programa conta, así mesmo, coa colaboración das entidades xestoras dos restantes escenarios participantes: Teatro Rosalía Castro da Coruña, Pazo da Cultura de Narón, Pazo da Cultura de Carballo, Vello Cárcere de Lugo, Normal da Universidade da Coruña e Igrexa da Madalena de Ribadavia, ademais do Centro Torrente Ballester de Ferrol, que é a outra nova incorporación nesta quinta edición.
 
Proceso artístico e técnico
As Residencias Paraíso 2021 abren a súa convocatoria a oito proxectos de Galicia e do resto de España, para os que reserva un importe conxunto de 20.000 euros. Cada estadía terá unha duración de entre dúas a tres semanas nun dos devanditos espazos colaboradores, que pola súa diferente tipoloxía favorecen tanto o proceso creativo en todas as súas fases (investigación, escrita, dramaturxia, coreografía...) como o traballo de carácter técnico.
 
Como sinala o Colectivo RPM, o obxectivo é “fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio”, así como impulsar o importante papel das residencias artísticas como parte deste proceso.
 
Esta quinta edición do programa culminará co habitual encontro anual, que desta volta terá lugar os das 24 e 25 de setembro na Illa de San Simón. No evento reuniranse todos os participantes nas diferentes estadías para intercambiar as claves de cada experiencia e reflexionar sobre temas transversais a este ámbito artístico.
 
Así mesmo, este ano repetirase a experiencia Cruceiros Paraíso, que terá lugar o vindeiro verán no Auditorio de Galicia de Santiago en forma de xornada específica para tender pontes entre as Residencias Paraíso e outros contextos culturais.
 
-Residencias Paraíso