Share

A Xunta ofrece ata xuño 334 actuacións escénicas e musicais en 40 concellos da Rede Galega de Teatros e Auditorios

O circuíto de distribución de espectáculos impulsado e cofinanciado pola Xunta de Galicia e os municipios asociados mobiliza contratacións por valor de máis de 1M€

O director da Agadic participou na presentación da carteleira de Ames dentro desta rede, con 13 citas a cargo de 12 compañías e grupos galegos para este semestre nos escenarios do Milladorio e de Bertamiráns

Serán 114 agrupacións artísticas as que asumirán por toda Galicia una carteleira maioritaria de teatro galego familiar e adulto, así como música, danza, novo circo e maxia

A Xunta ofrece ata xuño 334 actuacións escénicas e musicais en 40 concellos da Rede Galega de Teatros e Auditorios

A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), circuíto de distribución de espectáculos promovido pola Xunta de Galicia, ofrece para este primeiro semestre de 2021 unha intensa actividade escénica e musical con 334 actuacións de 114 compañías programadas en 45 escenarios de 40 concellos galegos e unha inversión total en contratacións que supera o millón de euros.
Así o declarou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), na presentación realizada hoxe na Casa da Cultura do Milladoiro para dar conta da carteleira concreta de Ames, un dos municipios adheridos a esta rede cultural, á que achega de xaneiro a xuño 13 funcións e concertos a cargo de 12 agrupacións artísticas galegas.
 
O responsable da Agadic detallou tamén que o calendario da RGTA para 2021 comezou o pasado 9 de xaneiro e prolongará o seu primeiro período anual ata o 30 de xuño en toda Galicia coa participación de 75 compañías de teatro que levarán a cabo 268 funcións, 15 de danza con 33 actuacións, outros 15 grupos musicais con cadanseu concerto, cinco de novo circo con 14 representacións, e catro colectivos de maxia con outras tantas citas desta disciplina.
 
Maioritariamente teatro galego
De todas os colectivos artísticos contratados, unicamente 9 deles proceden de fóra de Galicia e, por xéneros, o teatro familiar e para adultos é o que rexistra unha maior presenza, con preto do 90 por cento da actividade total da RGTA. Atendendo a unha clasificación por provincias, os 20 concellos participantes da Coruña asumen 154 funcións, 55 os seis de Lugo, 37 os catro de Ourense e 88 os 11 municipios da provincia de Pontevedra.
 
Na súa intervención, Jacobo Sutil lembrou que, maila crise sanitaria, a RGTA volveu ser un dos programas culturais máis intensos e extensos de todos os promovidos pola Xunta, xa que en 2020 foi quen de levar a cabo 488 funcións e de pechar o pasado ano cunha taxa de reprogramación do 82 por cento sobre as actuacións que tiveron que ser suspendidas.  Celebrou, así mesmo, o compromiso dos concellos participantes para o actual semestre a través da maioritaria contratación de espectáculos producidos en Galicia polos nosos profesionais.
 
Carteleira compensada e de proximidade 
No caso de Ames, que achega á RGTA 380 butacas dispoñibles nas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, o director da Agadic valorou especialmente o esforzo dos responsables municipais por ofrecerlle á súa veciñanza unha programación de proximidade e de xeito compensado nos seus dous principais núcleos de poboación.  “Unha carteleira de calidade, con presenza de moitos dos espectáculos que veñen colleitando maior aceptación nos últimos meses xunto a outros que inician unha prometedora traxectoria e un calendario con 13 citas moi ben artelladas en canto a xéneros, estilos e perfís de público receptor”, dixo.
 
A programación de Ames arrancará o vindeiro 22 de xaneiro co concerto de Oviravai Paio e o poder da música, para continuar o día 29 con Sarabela Teatro e a montaxe A lingua das bolboretas. Xa en febreiro, Ainé Producións porá en escena O montacargas (día 5), Talía Teatro representará Voa, voa! (tamén o día 5), e a cantante Uxía ofrecerá un concerto en formación de trío o venres 26. Marzo será o mes de maior actividade: Inversa Teatro o día 5 con Sofía e as postsocráticas, a mesma xornada que Baobab Teatro estará con Mai mai. Percubebés achegará o seu Almanaque musical o día 12 e, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Teatro, Contraproducións fará dúas funcións de Mocos o 26 e mais o 27 de marzo. As últimas citas deste semestre no calendario amesán dentro da RGTA serán con Caramuxo Teatro e o espectáculo Catro o 16 de abril, La Macana coa peza de danza Pink Unicorns o 30 de abril e a compañía Rebordelos con Liberto o 7 de maio.

[Na imaxe, Oviravai co espectáculo musical infantil 'Paio e o poder da música']