Share

A Xunta convoca as subvencións á produción e coprodución audiovisual por valor de 2,5 millóns de euros

É a primeira liña de axudas para 2021 dirixida ás industrias culturais galegas, á que seguirán outras sete convocatorias específicas para o sector audiovisual e os demais programas da Agadic centrados na escena e na música

Mantense a dotación da convocatoria de 2020, que incrementara un 25% respecto á de 2019, así como a súa distribución en catro anualidades para axeitarse aos procesos levados a cabo polas produtoras

Están destinadas ao cofinanciamento de longametraxes de ficción en imaxe real e animación, documentais e curtas, así como películas e series televisivas

A Xunta convoca as subvencións á produción e coprodución audiovisual por valor de 2,5 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da Xunta de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego para 2021, que manteñen a súa dotación de 2,5 millóns de euros respecto a 2020 e consolidan deste xeito o incremento do 25% acadado nas bases das últimas axudas adxudicadas o ano pasado a 20 proxectos. Este investimento, que se distribuirá por concorrencia competitiva entre as propostas que presenten as produtoras galegas independentes, contribuirá ao financiamento de novos títulos de cinema e de televisión, tanto longas de ficción en imaxe real e animación, documentais e curtas, como películas e series televisivas. O prazo de presentación comeza mañá e esténdese ata o vindeiro 15 de febreiro. 
Con esta publicación principia a posta en marcha das convocatorias anuais de 2021 dirixidas aos distintos ámbitos das industrias culturais, unha política de apoio que comprenderá outras sete liñas de subvención específicas para o sector audiovisual, así como as demais previstas para o fomento da creación e distribución escénica e musical. No ámbito concreto do audiovisual, volverán convocarse de xeito actualizado todas as liñas de 2020 (talento, desenvolvemento de proxectos, asistencia a mercados e foros internacionais, difusión en festivais e mostras nacionais e internacionais e celebración en Galicia de festivais e certames do sector), ás que se sumará unha convocatoria de nova creación, dirixida ás salas galegas de exhibición cinematográfica.
 
Continuar coa dinamización do sector
A publicada hoxe é a de maior dotación económica dentro do programa anual de axudas públicas a este sector que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e ten por obxectivo continuar coa dinamización do audiovisual galego e chega nun momento de gran visibilidade do sector, que pese á pandemia sanitaria mantivo o seu nivel de actividade en canto a rodaxes e estreas, conseguiu unha alta captación de fondos doutras administracións e obtivo recoñecementos en festivais internacionais de primeiro nivel.
 
O texto das bases, aprobado no Consello da Xunta do pasado 23 de decembro,  conserva a modificación introducida en marzo deste ano, no sentido de ampliar de tres a catro anualidades tanto a distribución das contías concedidas como a súa xustificación por parte dos adxudicatarios en catro das cinco categorías convocadas: longametraxes cinematográficas de ficción (modalidade A), de animación (modalidade B) e documentais (modalidade C), así como producións e coproducións para a súa emisión televisiva (modalidade E). Para a modalidade D, destinada a curtametraxes, serán dúas as anualidades. Tamén volve preverse a posibilidade de realizar pagamentos anticipados como entregas de fondos con carácter previo á xustificación de máis dun 50% da subvención concedida, así como de eximir da obriga xeral de constituír garantías. Autorízanse así estas excepcións sobre o Decreto de regulamento da lei de subvencións para que as empresas poidan enfrontar economicamente proxectos de certa envergadura, sempre que demostren a súa capacidade de financiamento e un avanzado estado de execución.
 
Estas medidas están orientadas a unha mellor adecuación aos períodos e procesos de produción cinematográfica e televisiva, así como a facilitar a constitución de novas empresas audiovisuais galegas. Tamén se persegue dotar de estabilidade e crecemento ás compañías existentes, co obxectivo final de crear emprego e aumentar a materialización de obras de calidade que acheguen valor ao sector cultural galego e favorezan unha industria audiovisual competitiva dentro e fóra de Galicia.
 
Hub audiovisual
Ademais de todas estas liñas de subvencións, a Agadic ten consignado no seu orzamento de 2021 un importe de 9,6M€ procedentes do fondo europeo REACT-EU para o desenvolvemento do proxecto denominado Hub audiovisual industria cultural, co que se pretende acometer inversións de carácter estratéxico para o sector, de maneira que se siga a contribuír á mellora da competitividade das empresas e a xerar emprego.
 
Nestes momentos, esta iniciativa está en fase de deseño en colaboración co sector, coa finalidade de identificar as prioridades e centrar a inversión nos ámbitos concretos máis eficientes no contexto da industria cultural galega.

[Na fotografñia, rodaxe de 'A illa das mentiras', de Paula Cons]

Bases no Diario Oficial de Galicia