A Xunta impulsa a creatividade galega e os vínculos coa lusofonía a través da ‘Mostra Galiza Coimbra’
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoia este encontro, organizado polos colectivos Cena Lusófona e A Escola da Noite, como parte da súa política de internacionalización e de reforzo das conexións co país veciño
O teatro producido en Galicia ocupa a maior parte dunha ampla programación que inclúe concertos de músicos galegos e portugueses
A actuación de Grupo Chévere é a primeira dunha carteleira na que tamén participa o Centro Dramático Galego e outras catro compañías galegas
Completan a iniciativa unha sesión poética, unha feira de libros teatrais ou unha exposición sobre Díaz Pardo

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na apertura da ‘Mostra Galiza Coimbra 2025’, que durante os vindeiros 10 días reúne na devandita cidade portuguesa unha selección de espectáculos escénicos de produción galega e moitas outras actividades musicais, artísticas e formativas co obxectivo de continuar a reforzar o intercambio creativo e os vínculos culturais con Portugal.
Así o explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no acto celebrado na cidade lusa, onde tamén se referiu ao país veciño como “obxectivo prioritario tanto pola proximidade xeográfica como polos vínculos lingüísticos para a proxección exterior da cultura galega en xeral, así como dos nosos profesionais e dos seus proxectos artísticos”. Neste sentido, defendeu o traballo levado a cabo polo colectivos Cena Lusófona-Associação Portuguesa para o Intercambio Teatral e A Escola da Noite, organizadores do encontro, polo “amplo espazo” que se lle brinda a Galicia dentro da actual edición dunha mostra dedicada a fortalecer vínculos entre todo o ámbito da lusofonía e que este ano ten a Brasil como país convidado.
Relación escénica destacada
Jacobo Sutil, que estivo acompañado polo director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, lembrou, ademais, que co actual evento se lle dá continuidade á Mostra de Teatro Galego celebrada en 2023, tamén en Coímbra, e a moitas outras accións emprendidas co país veciño, entre as que destaca precisamente a liña de coproducións aberta coa compañía pública teatral galega, departamento da Xunta que tamén está a exercer un papel destacado nos últimos anos nas relacións escénicas con Portugal.
Ao acto institucional de apertura da Mostra, no que houbo representación do Goberno portugués e da Cámara Municipal de Coímbra, seguiulle, no Teatro da Cerca de São Bernardo, a función de Heller Keller, a muller marabilla?, do Grupo Chévere, a primeira cita de teatro galego das seis que acollerán distintos escenarios de Coímbra ata o vindeiro 1 de novembro. Así, mañá 23 de outubro actuará o trío A Panadaría coa multipremiada As que limpan, o día 25 chegarán Elefante Elegante coa súa proposta de teatro físico Kyoki e Paula Carballeira coa narración Caminhos de Terra. O 30 de outubro o Centro Dramático Galego representará o espectáculo de circo contemporáneo que ata esta fin de semana mantén en cartel no Salón Teatro de Santiago de Compostela: A serie clopen, nun pase que terá lugar no Teatro Académico Gil Vicente. A carteleira escénica galega en Coímbra pecharase o 1 de novembro coa montaxe para público familiar A nena que vivía nunha caixa de mistos, a cargo da compañía coruñesa Caramuxo Teatro.
‘Isaac Díaz Pardo: deseño, memoria e compromiso’
Entre o resto de actividades previstas, destaca no apartado de artes visuais a exposición titulada Isaac Díaz Pardo: deseño, memoria e compromiso, realizada en colaboración coa Universidade de Vigo e coa profesora Silvia García como comisaria, na que se divulgará a figura e a traxectoria do insigne intelectual galeguista nas súas múltiples facetas como pintor, ceramista, deseñador gráfico e editor.
Outras citas importantes son a denominada Feira do Libro Teatral Galego, organizada xunto con Edicións Positivas, así como a sesión poética Arrincando Marcos 2025, a cargo de Paula Carballeira, Samuel L. París e Tamara Andrés; o taller Contar Historias no Século XXI, tamén con Paula Carballeira, a master class A traxectoria artística do Grupo Chévere, a cargo de Xesús Ron, a aula aberta Entre palcos na Galiza, que conducirá Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía da Coruña, ou un encontro arredor dos proxectos O proceso / Apaga o candil, de Cándido Pazó, con presenza dos autores, do escritor Xesús Alonso Montero e do actor Avelino González.
No programa musical, figura a proposta Café Duplo que xuntará o músico galego Santi Araújo co portugués Samuel Louro, así como o concerto de clausura da Mostra Galiza Coimbra, no que a cantante galega Uxía compartirá escenario no Convento de São Francisco cos brasileiros Antonio Nóbrega e Ceumar e os portugueses Luis Pedro Madeira, Manuel Rocha e Quiné Teles.