Share

Apoio ás compañías desprazadas ao Mercartes de Valladolid para a promoción da produción escénica galega

Unha delegación dunhas 15 compañías e distribuidoras galegas de teatro e danza operan estes días desde a feira sectorial Mercartes, que se desenvolve en Valladolid cada dous anos baixo a organización da federación estatal FAETEDA e da Red Española de Teatros, Auditorios, Festivales y Circuitos de Titularidad Pública (La Red) para reunir axentes da cadea de valor do sector co obxectivo de xerar oportunidades de negocio, fomentar o intercambio profesional e consolidar vías de colaboración tanto a nivel nacional como internacional.

Integrantes de Amarelo Distribución, Artyc Content, Contraproducións, Colectivo Glovo, Crémilo, Daniel Rodríguez Cía., Furia Sotelo, Kandengue Arts, Marta Alonso Tejada, Nova Galega de Danza, Paula Quintas Cía., Pistacatro, Sarabela Teatro, Sempre Arriba e Xampatito Pato son algúns dos artistas e empresas que conforman a presenza galega no mercado e no foro da undécima edición do evento. A Xunta de Galicia préstalles apoio desde o expositor instalado no recinto feiral baixo o lema Galicia Escena Actual. Tamén asiste a Mercartes 2025 unha representación da Axencia Galega das Industrias Culturais, do Centro Dramático Galego e da asociación profesional Escena Galega, así como da xestión dos espazos galegos membros de La Red.