A Xunta impulsa 19 proxectos audiovisuais coa resolución da convocatoria ampliada das axudas á promoción do talento
Con esta medida, contemplada no Plan de reactivación cultural, contribúese á escrita de oito guións e á realización de oito curtas e de tres longametraxes de dirección novel
Ángel Filgueira, Rafael de los Arcos e Carlos Martínez-Peñalver Mas son os novos directores galegos que asumirán filmes de longa duración coa achega de 30.000 euros para cada un dos seus proxectos
A Xunta de Galicia adxudicou as subvencións á promoción do talento audiovisual galego, polas que recibirá apoio económico a escrita de oito novos guións, así como a realización de oito curtas e de tres longametraxes con dirección novel. Materialízase así unha das medidas aprobadas no Plan de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico, xa que se resolve a convocatoria destas subvencións, ampliada a partir da crise sanitaria tanto en orzamento como en número de proxectos beneficiarios.
De feito, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 29 de xuño as novas bases cun incremento de ata 178.000 euros na súa dotación, un 14% máis respecto da contía inicialmente convocada. Tamén se elevou de 15 a 19 o número de propostas adxudicatarias, de xeito que se reservaron 40.000 euros para oito guións de longametraxes cinematográficas en galego, 48.000 para a produción de oito curtas en versión orixinal galega e 90.000 para contribuír ao financiamento de tres longas.
No apartado de escrita, os autores e títulos que recibirán cadansúa axuda de 5.000 euros son Lucía Estévez para o guión de As defensas, Santos Díaz para Só o ruído pode salvarnos, Ángel Santos para Así chegou a noite, Roberto González para Atlántico ceo, Giselle Llanio para Vidas perras, María Inés Cuadrado para A cotío, Rubén Coca paraDetrás da luz e Iria F. Sobrado para Aquagym.
Na categoría de curtametraxes, os seis proxectos que percibirán 6.000 euros para a súa realización son Pellos, de Iván Díaz Nespereira; Ningún río me protexe a min, de Carla Fernández Andrade; Sandwich Cat, de Avelino David Fidalgo; O tempo no que non fun eu, de Marta Rodríguez Valverde; Cartas pra botar, de Sara Pisos Gutiérrez; A comuñón da miña prima Andrea, de Brandán Cerviño; Somos Cárcere, de Irene Basanta, e Solanácea, de Borja Santomé.
Primeiros pasos en longametraxe
Ángel Filgueira (Redondela, 1992), Rafael de los Arcos (Vigo, 1979) e Carlos Martínez-Peñalver Mas (Vigo, 1991) son os tres realizadores que acometerán longametraxes coa achega de 30.000 euros para proxectos a través desta liña de axuda.
A cooperativa Sétima, unha produtora nacida precisamente para apostar polo novo talento e para apoiar a busca dun discurso conectado coa realidade e inquietudes da mocidade galega, asume Cando toco un animal, de Ángel Filgueira. A proposta parte do guión escrito polo propio realizador en 2017, despois de tomar forma ao seu paso polo LAB do festival Novos Cinemas de Pontevedra e polo VIII Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura de Galicia.
A produtora lucense Gaitafilms, artífice do éxito que supuxo Dhogs, presenta nesta ocasión Verbena, o título que dirixirá Rafael de los Arcos, realizador que xa ten asinadas distintas curtas e mediametraxes, gañador do premio do Público no Festival de Xixón co documental El equipo de mi barrio. Verbena é un documental de corte realista, intervido minimamente a nivel estético, que segue a vida durante o verán dun músico de rock nunha orquestra.
Cunha traxectoria como director de curtas, produtor executivo, montador e realizador de videoclips, Carlos Martínez-Peñalver porase á fronte da súa primeira longa en Serra da Estrela, unha obra que retrata esa zona da montaña lusa, as súas condicións sociais e políticas e a relación entre Galicia e Portugal a través do percorrido e do encontro de dous personaxes de ficción.
Xestionadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), as subvencións á promoción do talento audiovisual galego teñen como obxectivo favorecer a incorporación da nova creación á industria e promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico, así como contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual.