O Salón Teatro acolle 'Microspectivas dun marica millennial', coprodución de Incendiaria co Centro Dramático Galego
A montaxe, dirixida por Vanesa Sotelo e interpretada por Davide González, terá unha única función mañá venres, ás 20,30 h., no marco do festival USCénica
O Salón Teatro compostelán acolle mañá, ás 20,30 h., unha función do espectáculo Microspectivas dun marica millennial, coprodución entre a compañía Incendiaria e o Centro Dramático Galego (CDG), que se programa nun único pase no marco do festival USCénica da Universidade de Santiago. A montaxe, que tiña previsto a súa estrea no Auditorio Municipal de Cangas o pasado 14 de marzo e representacións posteriores no Salón Teatro, tivo que pospoñer o seu encontro co público por mor da declaración do estado de alarma ata o 19 de xuño, día en que se estreou finalmente na Sala Ingrávida do Porriño.A partir dunha idea orixinal de Davide González, Vanesa Sotelo dirixe unha proposta escénica íntima e cargada de poesía, cunha dramaturxia escrita por ambos os dous, desde a que se cuestionan as certezas impostas que predestinan a construción da identidade.
Coa música e as artes do movemento como aliadas, Microspectivas dun marica millennial ofrece un espazo de transo no que redescubrir as raíces e refundar o presente. Contribúen a esta percepción o espazo escénico deseñado por Calos Alonso, a iluminación de Laura Iturralde, a indumentaria de Davide González e Carlos Alonso ou o vídeo creado por Lucía Estévez. Tamén se conta coa voz en off de Eduardo R. Cunha Tatán.
Este é o primeiro dos espectáculos que terán lugar no Salón Teatro como un dos escenarios de USCénica, certame organizado pola Aula de Teatro da universidade compostelá que se está a desenvolver en distintos espazos da cidade ata o vindeiro 18 de xullo. Dentro desta mesma carteleira, a sede do CDG ofrecerá tamén o sábado 11 Despois das ondas, de Butaca Zero, e o 17 de xullo, Espida, de Compañía IO.
As tres citas darán comezo ás 20,30 h. e as localidades poden mercarse unicamente os días das funcións no despacho de billetes do Salón Teatro desde as 19,00 h. a un prezo de 3 euros (máximo de dúas entradas por persoa). A totalidade da recadación irá destinada a beneficio da asociación Banco de Alimentos de Santiago de Compostela.