A Xunta de Galicia adxudica 300.000 euros en axudas para a organización de 10 festivais audiovisuais
Os certames subvencionados en 2025 son o Play-Doc de Tui, (S8) e Intersección da Coruña, FICBUEU, Festival de Cans do Porriño, Novos Cinemas de Pontevedra, Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, Carballo Interplay, Galician Freaky Film Festival de Vigo e MICE de Santiago de Compostela

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de resolver a concesión das subvencións da Xunta de Galicia a festivais audiovisuais, mediante as que inviste 300.000 euros na organización de 10 certames estratéxicos para o sector. O obxectivo destas axudas é favorecer a consolidación do circuíto galego de mostras neste ámbito, que destaca especialmente pola gran variedade na súa especialización en xéneros e formatos.
A listaxe das mostras subvencionadas está encabezada, en canto ás contías recibidas, polo Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui (48.265 euros) e a (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña (47.863 euros), seguidos do Intersección Festival de Arte Audiovisual Contemporánea da Coruña (43.411 euros), FICBUEU Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (42.462 euros), Festival de Cans do Porriño (39.465 euros), Novos Cinemas Festival Internacional de Cine de Pontevedra (24.772 euros), Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa (18.474 euros), Carballo Interplay (14.221 euros), Galician Freaky Film Festival de Vigo (11.500 euros) e MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Santiago de Compostela (9561 euros).
O Goberno galego vén convocando desde 2014 esta liña anual de axudas, que foi incrementando progresivamente o seu orzamento en recoñecemento ao valor estratéxico destes certames tanto para o sector como para o conxunto das industrias culturais. De feito, en 2024 foi reforzada cun incremento do 33% no seu orzamento, que se mantivo na convocatoria deste ano.
Xestionadas en réxime de concorrencia competitiva, as axudas establecían entre os seus requisitos que os certames subvencionados contaran cunha duración mínima de catro xornadas con, cando menos, 20 proxeccións, así como con tres edicións consecutivas celebradas nos anos inmediatamente anteriores. Ademais, a proposta de programación debía conter un cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.