O Festival de Cannes selecciona por primeira vez en competición oficial dúas películas subvencionadas pola Xunta de Galicia
- ‘Sirat’, de Oliver Laxe, e ‘Romería’, de Carla Simón, serán ademais as únicas producións españolas que competirán este ano pola Palma de Ouro
- Laxe estreará o seu novo filme no prestixioso festival francés, que o recibe na súa sección central despois do éxito dos seus tres anteriores traballos nas competicións paralelas da mostra gala
- Carla Simón presenta a súa terceira longametraxe, filmada en Galicia co apoio do fondo para a atracción de rodaxes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

O audiovisual galego vén de acadar un novo fito coa selección na sección oficial do Festival de Cannes de dúas películas con participación galega e subvencionadas pola Xunta. Sirat, do galego Oliver Laxe, e Romería, rodada en Galicia pola catalá Carla Simón, serán ademais as únicas producións españolas que competiran este ano pola Palma de Ouro, a máxima distinción do prestixioso certame francés, que desenvolverá a súa 78ª edición do 13 ao 24 de maio.
A cuarta longa de Laxe contou cunha axuda de 260.000 euros a través da convocatoria de 2023 das subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude á produción e coprodución audiovisual. Filmes da Ermida, El Deseo, Uri Films e 4A4 Productions son as produtoras de Sirat, coa que o premiado cineasta galego regresa a Cannes, onde xa presentara con éxito os seus anteriores traballos en diferentes seccións paralelas: O que arde (galardón do xurado de Un certain regard), Mimosas (gran premio da Semana da crítica) e Todos vós sodes capitáns (estreada na Quincena dos realizadores).
Nesta ocasión, forma parte da selección oficial cunha historia rodada entre Aragón e Marrocos e protagonizada por Sergi López e Bruno Núñez, nos papeis dun pai e o seu fillo que viaxan ao sur do país árabe na procura da súa filla e irmá, desaparecida hai meses nunha rave.
Pola súa banda, Carla Simón estreará en Cannes Romería, coa que completa a triloxía de longametraxes na que explora as relacións familiares, inspirándose desta volta nas orixes da súa familia biolóxica paterna. Continúa así a senda que arrancou con Estiu 1993, coa que logrou o Goya á mellor dirección novel, e Alcarràs, Oso de Ouro na Berlinale.
Rodaxe na provincia de Pontevedra
O filme rodouse o pasado ano en Vigo e noutras localizacións da provincia de Pontevedra cunha subvención da Xunta de 300.000 euros do fondo para a atracción de rodaxes, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027.
O obxectivo desta liña de apoio é favorecer a proxección da nosa Comunidade como escenario de destacadas producións audiovisuais, encabezadas tanto por empresas de aquí como do resto de España e Europa.
- Fotos: Quim Vives (Sirat) e Mario Llorca (Romería)