Share
Cultura
José López Campos asistiu a unha das xornadas de gravación desta nova produción de Mediaset, con participación da compañía galega CTV

Visita ao equipo da nova serie de televisión ‘Marusía’ durante a súa rodaxe en Vigo

A Xunta subvenciona este proxecto con 300.000 euros a través do fondo autonómico para a atracción de rodaxes, do que proximamente publicará a convocatoria de 2025

Lucía Jiménez e Alfonso Bassave protagonizan esta historia ambientada na Escola Naval Militar de Marín e que se desenvolve en diferentes localizacións da provincia de Pontevedra

O titular de Cultura do Goberno galego celebra o “fito sen precedentes” de que dúas películas producidas ou filmadas en Galicia, ‘Sirat’ e ‘Romería’, compitan pola Palma de Ouro do Festival de Cannes

A serie de televisión Marusía. Vientos de honor fílmase estes días no recinto da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada, en Vigo, onde o equipo de rodaxe recibiu hoxe a visita do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. A Xunta subvenciona con 300.000 euros a rodaxe en Galicia desta nova produción de Mediaset España, ambientada na Escola Naval Militar de Marín e con diferentes localizacións na provincia de Pontevedra.

O titular de Cultura do Goberno galego percorreu o set xunto ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e os representantes da Deputación Provincial de Pontevedra, de Mediaset e das outras dúas produtoras implicadas no proxecto: Unicorn Content e a compañía galega CTV, beneficiaria da devandita axuda autonómica para a súa participación nesta rodaxe. López Campos felicitounos polo avance dos traballos, ao tempo que lles agradeceu ter escollido a nosa Comunidade para o desenvolvemento dos oito episodios desta serie de ficción que será programada no prime time de Telecinco.

López Campos tirou proveito desta visita á rodaxe para felicitar ao cineasta galego Oliver Laxe e a directora Carla Simón, cuxos filmes, Sirat e Romería, competirán pola Palma de Ouro do Festival de Cannes. “Celebramos un fito sen precedentes para o noso audiovisual”, salientou o conselleiro, quen destacou que “por primeira vez na historia”, dúas películas producidas ou filmadas en Galicia están seleccionadas neste prestixio certame internacional, “e as dúas con apoio da Xunta”, apuntou.

Galicia como escenario

O apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a esta serie materialízase a través da liña de subvencións para a atracción de rodaxes a Galicia, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. Este fondo, do que proximamente se lanzará a convocatoria de 2025, ten como obxectivo impulsar a proxección da nosa Comunidade como plató de producións audiovisuais lideradas tanto por empresas de aquí como do resto de España e Europa, co conseguinte impacto económico tanto nas localidades que acollen as rodaxes como no conxunto da industria audiovisual galega. Neste sentido, os 2.000.000 euros cos que se dotou en 2024 foron adxudicados a sete proxectos: ademais de Marusía, as longametraxes Romaría, Rondallas, Dímelo bajito e Me has robado el corazón mais as series Garbo e Clanes.

No caso de Marusía, os traballos de gravación comezaron a finais de marzo e están a ter lugar tanto na propia Escola Naval Militar de Marín como noutras localizacións deste concello e do resto da provincia de Pontevedra.

Esta creación de Ignacio del Moral, Begoña Álvarez e Laura Belloso está protagonizada por Lucía Jiménez e Alfonso Bassave, á cabeza dun reparto que conta con 25 actrices e actores galegos, como Paloma Stewart, Darío Loureiro, Nacho Castaño, Iria Parada, Alejandra Granell, Dani Trillo ou María Mera.

Thriller, drama, amor, acción e misterio conviven nunha trama que asume o desafío se de achegar ao contorno da Armada Española, que facilitou o asesoramento necesario para que a historia sexa verosímil e realista sen menoscabar o atractivo da ficción.